Martes. 19.03.2024
Parrilla, con Nieves Justo, do centro de día Solleira, nun dos seus últimos magostos. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Parrilla, con Nieves Justo, do centro de día Solleira, nun dos seus últimos magostos. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

O que teño que escribir, prefería calalo, ou non facelo, porque a dor que sinto non é para poñela sobre un papel e publicala nas redes sociais. Acabo de recibir a noticia do pasamento do noso amigo, compañeiro, coralista, e máis cousas..., "Parrilla".

Tiven a sorte de convivir moitos anos con Jesús Parrilla, ou Ignacio como todo o mundo lle chamaba. Recordo o primeiro día que entrei a dirixir o "Coral de Verín", díxome coa súa voz profunda: "Meniño, non nos teñas medo, inda que nos vexas moi grandes, somos moi inocentes". E realmente o tamaño do seu corpo e o do meu, daquelas, era moi diferente.

Convivín con el no meu bar, ó que lle tiña certa simpatía, porque era un home de bares. Acompañeino moitos sábados á xantar a Chaves, que era unha verdadeira devoción, xunto cos seus amigos. Era un home de amigos, defensor do viño e da boa gastronomía, e sobre todo un amante das cantigas de taberna. A súa voz, e sobre todo a súa memoria, garantía unha sobremesa en calquera lugar de toda a comarca. Ben fora nunha tasca portuguesa, ou en calquera tenda dos pobos do concello, nos bares ou na mesma rúa. "Parrilla" era unha canción, e creo que foi así como conquistou a súa Mari Romasanta.

Era fillo dun carteiro gracioso, que entregaba o correo sempre cun chiste. O seu sentido do humor levábao na punta do nariz. Amor, humor, gastronomía, amizade pero, sobre todo, canción... Un gran corpo que caeu na enfermidade do esquecemento, que non poido gobernar como dominaba as letras do que cantaba... A súa humanidade dobrou polo desgaste xenético da mente. 

Pasei moitos, e sen esaxeración ningunha, pero que moitos momentos con el, sempre arredor dunha boa mesa, dun bo viño e sobre todo de moitas cancións, que el tiña na súa memoria, porque era un cancioneiro de carne e oso. Agora xúntate con Celso, Agustín, Miguel, Pepiño, Chelis... a cantar: "Dos olliños dunha nena..."

A Mari e a Aser, dende a miña amizade, quero darlle as gracias por "Parrilla". E dende o meu espazo como director da Coral de Verín, sinto por todos os meus compañeiros unha dor, dun amigo, dun cantor, camarada, colega e compinche, que recoñece que a Coral que leva o nome de Verín polo mundo adiante, dende fai trinta e tres anos, a el débelle as gracias.

OBITUARIO | Á profunda e agradecida voz de "Parrilla"