jueves. 02.05.2024
sumar galicia - maría gago y yolanda díaz
María Gago con Yolanda Díaz.

É a primeira vez que María Gago Delgado, natural de Pazos (Verín), se presenta nunha candidatura política. Nada en 1981, a súa traxectoria vén do activismo social e da militancia en Esquerda Unida. Agora, dá un paso máis na súa implicación social para ocupar o segundo posto na candidatura de Sumar por Ourense nas eleccións ao Parlamento de Galicia que se celebran este domingo.

Por vez primeira vai nunha lista electoral; por que decidiu meterse en política?

Porque a política mellora a vida da xente. Veño do activismo, de plataformas de defensa da sanidade e ecoloxistas. Os cidadáns de a pé temos que dar un paso adiante porque nos axuda a cambiar a vida de todos. Son militante de Esquerda Unida e creo necesarias as políticas que ofrece Sumar, chegar a acordos que melloren a vida da xente e beneficien á maioría social. 

Eu son unha cidadá á que lle gustaría cambiar a vida da xente en Galicia, que desapareza a política caciquil do Partido Popular e que todos e todas teñamos as mesmas oportunidades. 

Que ofrece Sumar fronte outras forzas de esquerdas?

Sumar ten algo que non teñen as demais: capacidade de chegar a acordos, de dialogar. Iso é algo que dende a política é moi necesario. Unir forzas inda que teñas puntos de vista diferentes, chegar a acordos para sacar adiante normas que favorezan á maioría social e que toda a xente estea representada. Yolanda Díaz é unha gran negociadora e Marta Lois tamén.

Hai que promover políticas e normas que defendan a maioría social, non dicir a todo que non. Se hai normas que son beneficiosas para a xente non se pode dicir que non. O BNG votou en contra da reforma laboral e non o entendo. Podíase facer mellor, pero a proposta era boa para a maioría social.

Como ve a actual situación do panorama autonómico?

Levamos máis de 14 anos con políticas do Partido Popular que non achegaron nada bo. Están basadas na privatización, nos recortes e en mentiras. Hai unha gran maioría social que quere un cambio para Galicia no futuro, que os seus fillos podan escoller vivir en Galicia ou non, que podan escoller vivir no rural ou non. O mellor para Galicia é que Sumar entre no Parlamento, formando un goberno a tres co BNG e o PSdeG-PSOE, para aplicar esas políticas que si afectan e benefician á maioría social.

Entón, que perspectivas ten para o vindeiro domingo? As enquisas din que Sumar non chegará ao 5%; non acadarían representación.

Son enquisas; tamén se prevía nas xerais que ía gañar o PP con maioría absoluta. Hai un voto que se decide a pé de urna, decisivo para inclinar a balanza. Son totalmente positiva: Sumar vai entrar na Xunta. 

Por que escoller Sumar e non outros partidos de esquerdas?

Porque traballamos todos a unha. Sumar busca o beneficio social. Temos a Yolanda Díaz, a mellor política que tivemos dende hai moito tempo; lévao demostrado ao fronte do Ministerio de Traballo nestes anos e imos todos xuntos por ese camiño.

Que queres para a túa Galicia?

Que teña emprego, que Sanidade e Educación deixen de estar privatizadas, que se mellore a política de coidados, fomentar o desenvolvemento rural e que se promovan políticas que favorezan a transición ecolóxica en Galicia.

Entón, cal é a proposta de Sumar?

Respecto á Sanidade, un incremento nos orzamentos para deixar atrás a precariedade e reforzar a atención primaria. A Sanidade non pode estar privatizada. Temos un problema moi serio a nivel atención sanitaria; por exemplo, en Verín, Xinzo e O Carballiño sufrimos a falta de especialistas en Pediatría.

Tamén se está privatizando a Educación, non hai gratuidade nos comedores escolares e temos ratios nas aulas cada vez maiores. Precisamos máis profesionais para atender ao alumnado con necesidades especiais e faise imprescindible equiparar as dotacións do rural coas que si teñen nas cidades. Nas escolas do rural galego hai moitas necesidades que non están cubertas.

Se falamos das políticas de coidados, sobre todo das persoas maiores, Galicia ten unha poboación cunha idade media moi avanzada. Sumar ten como compromiso incrementar os orzamentos para crear centros de día en todas as comarcas. A premisa é que poidan ser atendidas nas súas casas, dende o municipalismo atender esa fase dos coidados con traballadores sociais. Cando xa non sexa posible, que poidan recibir os coidados necesarios na súa contorna; en pequenas residencias comarcais para que permanezan cerca da familia e amigos e sintan que están nun fogar.

E respecto ao emprego?

É necesario un plan de reindustrialización e fomentar o emprego verde. Producir bens que favorezan a transición ecolóxica en Galicia; por exemplo: xerar emprego a través da industria das placas solares. Podía haber no polígono de Pazos unha fábrica de placas. Vivimos nunha provincia cun clima espectacular, a que ten máis horas de sol en Galicia.

Sumar leva a reciclaxe de minerais como proposta. Converter Galicia nun exemplo de recuperación de materiais a través da xestión de refugallos electrónicos e eléctricos. Temos que reciclar e reutilizar outro tipo de materiais, non só plástico. Utilizar os puntos limpos ou verdes que xa temos, mellorándoos e ampliándoos, e crear plantas de reciclaxe. 

Ourense é rural, que fará Sumar para promover o seu desenvolvemento?

Crear emprego no rural, loitar contra o cambio climático e protexer a nosa riqueza natural. Vamos a desenvolver o banco de terras para poñer as abandonadas a disposición real da xente que quera emprender no rural. Temos que protexer os recursos hídricos ante o abuso de pesticidas e fomentar a non dependencia agroquímica. Mira o que pasou na Limia coa lagoa da Antela. 

Propomos un cambio na política forestal, aumentando a suspensión de plantacións de eucaliptos e piñeiros e creando unha nova liña de axudas para as especies nobres que temos en galicia: castiñeiros, carballos, cerdeiras, nogueiras, etc. Isto favorece a riqueza dos ecosistemas, frea a vaga de incendios e son un gran recurso para a gandería. 

Imos promover liñas de axudas que aposten pola multiespecie gandeira, con razas autóctonas e limitando as macrogranxas porque xeran moitos problemas. Ao tempo, desenvolver o banco de terras para gandería extensiva beneficiará a todos os implicados; as terras, en vez de estar de poula, estarán limpas grazas aos animais que pasten. Os animais terán mellores condicións e os donos das terras non terán que pagar para limpalas. 

ENTREVISTA | María Gago: "Sumar ten a capacidade de dialogar para sacar normas que...