viernes. 03.05.2024
Maite González, á esquerda: Jonatás García, presidente da D.O. Monterrei e Marisol Gómez, directora do IES García Barbón. | FOTO: Anabel García Simón.
Maite González, á esquerda: Jonatás García, presidente da D.O. Monterrei e Marisol Gómez, directora do IES García Barbón. | FOTO: Anabel García Simón.

O IES García Barbón de Verín vén de ampliar a súa oferta formativa coa incorporación de novos ciclos en Formación Dual de Automoción, Aceites e Viños e Hixiene Bucodental. O centro, que contaba na actualidade coas ensinanzas de Bacharelato, Educación Secundaria de Adultos; os ciclos formativos das familias profesionais sanitaria, administrativa, instalación e mantemento e automoción, así como da sección delegada da Escola Oficial de Idiomas e Aula Mentor; amplía a súa oferta educativa incorporando unha opción moi demandada dende a comarca e que a Denominación de Orixe Monterrei estableceu, nos últimos tempos, como un obxectivo para este centro. 

Así o deu a coñecer o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe de Monterrei, Jonatás García, este martes na sede da D. O. e na compaña da directora da institución académica, Marisol Gómez, e da Dinamizadora das relacións coas empresas do mesmo IES, Maite González

Jonatás García quixo, nun primeiro lugar, agradecer a todos aqueles que apostaron pola implantación deste ciclo medio de Aceites e Viños, "como foron o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; a directora xeral de Formación Profesional da Xunta de Galicia, Eugenia Pérez, así como o equipo directivo do IES García Barbón, con quen estivemos en permanente contacto para conseguir este ciclo".

García Gago agradeceu tamén ás adegas colaboradoras que "contribuíron a que se podese levar a cabo esta formación dual e que permitirá que as rapazas e rapaces da comarca saían cunha formación especializada nun sector tan importante como é o do viño e que nos axudará a crear emprego e fixar poboación na comarca, ademáis de proporcionar man de obra especializada ás adegas, que así a están demandando", apuntou o presidente da D.O. 

Unha oferta de 15 prazas

En total, como así confirmou Maite González, Dinamizadora das relacións coas empresas do García Barbón, serán 12 as adegas que participan nesta formación dual ofertando un total de 15 prazas. O ciclo combinará horas lectivas no centro académico e prácticas nas adegas. Así, no curso académico 2023-2024, as clases terán lugar no instituto entre os meses de setembro de 2023 e marzo de 2024, sendo a formación nas adegas dende abril ata o mes de agosto. 

Xa no ano académico 2024 - 2025, os alumnos inscritos neste ciclo medio comezarán a súa formación dual nas adegas entre os meses de setembro e decembro de 2024, e rematarán entre xaneiro e xuño de 2025 escolarizados no IES. No tempo no que estén formándose nas diferentes empresas vitivinícolas adheridas ao programa, os alumnos terán dereito á cotización á Seguridade Social e non cobrarán unha retribución inferior á metade do Salario Mínimo Interprofesional.

Dous ciclos superiores máis

Marisol Gómez, a directora do IES García Barbón confirmou tamén este martes que o ciclo medio de Aceites e Viños non foi o único concedido ao centro educativo verinense. Ao anterior engadiráselle un ciclo superior de Hixiene Bucodental e un tamén superior de Automoción

Ata o de agora o centro contaba cos CB (ciclo básico) Mantemento de Vehículos, CB Servizos Administrativos, CM -ciclo medio- Coidados Auxiliares de Enfermaría, CM Xestión Administrativa, CM Mantemento Electromecánico, CM Electromecánica de Vehículos e CS -ciclo superior- Administración e Finanzas. De cara o vindeiro curso 23/24 amplíase a oferta coa incorporación do ciclo formativo de grado medio de Aceites e Viños, e os ciclos superiores de Hixiene Bucodental e Automoción, que se implantan na modalidade dual, en colaboración con diversas empresas da contorna nas que o alumnado se formará e traballará durante dous cursos académicos.

O equipo directivo agradece a colaboración das empresas implicadas así como da Denominación de Orixe Monterrei, sen as cales non sería posible lograr a implantación destes novos ciclos, e confía que nun futuro se poida incrementar o número de empresas colaboradoras para así seguir ampliando e diversificando a oferta formativa do centro.

Prazo de solicitude

O período de solicitude de plazas para os ciclos medios ou superiores, tanto na modalidade presencial como dual, estará aberto do 23 de xuño ata o 5 de xullo ás 13 horas. A solicitude de praza realizarase a través do seguinte enlace: https://www.edu.xunta.gal/ciclosadmision/

A matrícula para Bacharelato será entre o 23 de xuño e o 7 xullo, e realizarase no propio centro educativo.

O día 23 abre o prazo de matrícula para estudar o ciclo medio de Aceites e Viños no IES...