jueves. 02.05.2024
Raquel Queizás estará mañá e o venres no FIC con "Sopa Cómica".
Raquel Queizás estará mañá e o venres no FIC con "Sopa Cómica".

A programación do Festival Internacional de Curtas de Verín contará cunha actividade destinada para os máis cativos. Raquel Queizás estará unha edición máis no FIC para amosarlles ós nenos todo sobre a historia do cine, descubrindo a estrelas femininis como Mabel Normand, Colleen Moore ou masculinas como Charles Chaplin, dunha forma do máis divertida.

"Sopa Cómica" estréase nesta séptima edición do FIC mañá cunha dobre sesión no Auditorio de Verín. A primeira será de 10:00 a 11:30 horas para nenos de 2 a 7 anos, mentres que a segunda comezará ás 12:00 horas e rematará ás 13:30 para rapaces de 8 a 12 anos. O venres repetirá con dúas sesións máis no mesmo horario e idades.

Que atoparán os nenos en "Sopa Cómica"?

Voulles falar de como comezou o cine hai máis de cen anos, como as películas eran en branco e negro e tamén mudas. Tamén porei en contexto que naqueles tempos o que máis gustaba era rir e por iso o primeiro vídeo que lles porei é “O regador regado” dos Lumière. Voulles falar das estrellas do cine daquelas, especialmente de mulleres descoñecidas como Mabel Normand, Alice Howell ou Colleen Moore, pero tamén de homes como Buster Keaton, Chaplin ou os Irmáns Marx, neste caso onde xa hai sons. Todo estará mesturado con pequenos fragmentos de películas ou curtas, ambientado nun pequeno restaurante no que eu me atoparei preparando sopa, o prato máis barato que as cómicas e cómicos podían comer. De aí sae o título de “Sopa Cómica”.

Como xurdiu esta idea?

Estou moi agradecida coa organización do festival, co Concello e con AEVER que son os que fan posible todo isto e os que contaron conmigo unha vez máis. Nun principio só ía presentar a parte na que se lle poñen unhas curtas de animación ós nenos para que voten as mellores. A idea era esa e logo mudou porque me gusta moito o cine, pedinlles que me deixaran contar a historia do cine dun xeito novo e deixáronme facelo. Vou moi nerviosa, podemos dicir que é unha estrea e non sei como recibirán a “Sopa Cómica”.

Xa é toda unha veterana no FIC, que é o que máis recorda?

Xa participei en catro edicións do FIC, nas que traballei cos cativos para ensinarlles a historia do cine. Sempre recordarei as butacas do Auditorio cheas de nenos de 3 anos ou maiores, cos pequenos sentados nas primeiras filas e sendo os que quedaban máis sorprendidos e impresionados polo que facía.

Vostede sendo verinesa, como ve a consolidación do FIC no calendario cultural da vila?

Estou orgullosísima. A min persoalmente sempre me gustou moito este mundiño e aínda recordo cando ía ó cine Buenos Aires ou á Casa da Cultura cando poñían películas e agora podemos dicir que temos o Festival Internacional de Curtas, onde se nota que a xente que o fai aloumíñao e se esforza porque saia adiante. Hai moitos voluntarios que axudan e o director non para de traballar para que isto continúe con pandemia ou sen ela, chova ou faga frío.

Fan falta máis actividades culturais como esta na que se inclúa aos nenos?

Si, fan falta. Ensinar divertindo creo que é a mellor maneira de aprender, porque nin se dan conta de que o están facendo. Os nenos son esponxas que recollen todo axiña. Ademais, tamén hai que pararse a escoitalos porque ás veces subestimamos o que din ou opinan. Eu téñolles moitísimo respeto porque son o público máis sincero, non disimulan se non lles gusta algo e por iso os valor moito.

ENTREVISTA | Raquel Queizás: "Estou moi orgullosa de dicir que en Verín temos o FIC"