sábado. 20.04.2024
Axenda cultural.

Chega a terceira fin de semana de novembro e, con ela, unha nova listaxe de plans para empregar o tempo de lecer. Collede lapis e papel, anotade... E a desfrutar!

Como cada xoves, cita gastronómica nas rúas de Verín. A partir das 19:00h, os establecementos hostaleiros da vila acollen o Pincho Xoves, onde os asistentes poderán degustar diferentes variedades de pinchos cun prezo que oscila entre os 1,5 e os 2 euros.

Música

Vindeiros días moi musicais na comarca. O venres 19 de novembro, a partir das 21:00h no Auditorio Municipal, a agrupación teatral Namarella xunto a Fuego Street Band, estrean un novo espectáculo de fusión que combina a mellor música -jazz, swing e dos anos 50- con sketchs de humor. Unha actuación sen precedentes na vila que tamén poderá ser desfrutada o sábado 20 a partir das 20:00h. Aínda podedes facervos con algunha das entradas -por un prezo de 5€- nas portas do propio Auditorio os días de representación.

undefined

Quenda tamén para a banda do Conservatorio de Música Profesional da vila, que celebra o luns, 22 de novembro, o día de Santa Cecilia, patroa da música e os músicos. A partir das 20:00h no Auditorio Municipal, terá lugar un concerto da banda en conmemoración desta festividade.

Deporte

O Verín Sala afronta unha nova xornada deportiva, neste caso, contra o Big Mat Persa A Quinta de Tui, que visita o pavillón municipal o vindeiro sábado 20, a partir das 18:00h. Tamén, os veciños da comarca que peregrinan dende hai unhas semanas cara Santiago de Compostela, emprenden o domingo 21 a súa quinta etapa. Nesta ocasión, percorrerán os máis de 24 quilómetros que unen a localidade de Cea con Santo Domingo -Dozón-.

 

Loita pola igualdade

Con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se celebra o día 25 de novembro, son moitas as entidades que organizan actividades durante esa xornada para reivindicar a equidade de xénero e a eliminación deste tipo de violencia. Non obstante, Viana do Bolo adiántase e a partir do vindeiro luns, día 22, levará a cabo diferentes actos de promoción da igualdade. 

A través das redes sociais, terá lugar un desafío no que as persoas participantes deberán contestar a unha consigna que se lanzará cada día da semana. Estade atentos! Tamén haberá obradoiros de igualdade -o 22 e 23- no IES Carlos Casares, que versarán sobre os mitos do amor romántico e os perigos dun mal uso de Internet e das redes sociais. Os actos continuarán ata o vindeiro 28 de novembro. 

cartel-6

Tamén o CIM da Mancomunidade de Verín impartirá un taller de sensibilización sobre ciberviolencia e violencia de xénero no IES Castro de Baronceli mañá, día 19, orientado á mocidade dos catro cursos da ESO. Coñecerán, de primeira man, as diferentes formas de ciberdelitos, de violencia de xénero exercida a través das redes, así como as implicacións legais desas formas de violencia. 

Proxectarase, ademais, a curta 'Non caio nas túas redes', rodada no propio instituto e que aborda esta temática. O luns 22, continúan os actos coa conferencia, na Casa da Cultura, sobre un estudo diagnóstico da violencia de xénero na comarca de Monterrei, elaborada polo CIM en colaboración coa Universidade de Vigo.

A Asociación de Mulleres Rurais 'O Cruceiro' de Matamá, en Laza, emprenderán o sábado 20 de novembro o 'camiño ao respecto', cunha andaina, apta para todas as idades, a partir das 15:45h -con saída dende o seu local-. Percorrerán, xuntos, unha distancia de 9 quilómetros, que equivalen ao traxecto Matamá-Arcucelos-Retorta-Matamá. Rematala ten premio xa que os anotados serán agasallados cunha cunca de rico chocolate quentiño!

7E7BFA6F-F7C2-45FB-A50A-94E0BF419E93

Servizos

Mañá venres, 19 de novembro, a Casa da Cultura de Viana do Bolo acollerá unha reunión informativa sobre os novos servizos de banda ancha no municipio. A empresa adxudicataria, Itegal, ofrecerá descontos aos veciños interesados en telefonía -tanto móbil como fixa-, servizo de televisión e conexión a Internet. Será a partir das 19:00h.

Natureza

O sábado 20 de novembro,entre as 10:00h e as 13:30h, terá lugar un roteiro contra a 'basuraleza' en Verín para todas as idades. Trátase dun itinerario polo tramo urbano do río Támega, que comezará no aparcadoiro da Preguiza e que se levará a cabo co obxectivo de concienciar e mobilizar á cidadanía para manter os espazos naturais libres de lixo. Todos os interesados en participar, aínda se poden anotar -ata mañá, día 19 ás 15:00h- no email [email protected] ou no teléfono 615 343 879. 

CARTELES-LIBERA-6-MODELOS 2021-min

Cultura

Oficina de Turismo de Monterrei organiza diferentes visitas guiadas, baixo reserva previa, ás 11:00h de mércores a domingo e ás 16:00h de venres a domingo. Tamén, na Sala de Exposicións do Hospital da Trindade, está aberta ao público a exposición Entroido. Mobiliario vestido, do autor Ángel Manuel Rodríguez, máis coñecido como Piquico Rodríguez. Máis información no 988 361 360 ou a través do email [email protected].

turismo monterrei

Tamén, o Museo do Claustro Mercedario de Verín e o Etnógrafico de Castrelo do Val continúan abertos ao público, nos que se poden visitar as súas distintas exposicións en horario de mañá e de tarde.

AXENDA | Cultura, música e deporte: propostas de lecer para esta fin de semana