sábado. 27.04.2024
Axenda cultural.

Última fin de semana de novembro... O tempo voa! Xa case co espírito natalicio no corpo, traémosvos unha nova listaxe de propostas de lecer para os vindeiros días. Quen dixo frío? Abrigádevos, collede lapis e papel... Anotade e a desfrutar!

Xoves, 25 de novembro

Conmemórase nesta xornada o Día Internacional contra a Violencia de Xénero e son moitas as entidades locais que organizan actos para condenar esta lacra e loitar pola igualdade entre homes e mulleres. É o caso, en Verín, do CIM da Mancomunidade, Femuro, Cruz Vermella, Solleira e o CDR Portas Abertas que, tras varias conferencias sobre violencia e adolescencia, achegan ao 25-N a lectura dun manifesto, ás 12:00h na praza do Concello. Rematado isto, terá lugar unha performance, coordinada por Femuro, que versará sobre o mesmo tema.

257396984_4875336575851120_4915997522999248182_n

Tamén, Riós e A Mezquita, a través do CIM de Conso-Frieiras, levarán a cabo a lectura de dito manifesto e a posterior prantación dunha árbore representativa de cor morado. Violeta, ao igual que as flores que decorarán as vivendas de ambos municipios en conmemoración deste día. O acto comezará ás 11:00h nas Carpazas, a carón da residencia da Mezquita e, dúas horas máis tarde, ás 13:00h, terá lugar a carón do cuartel da Garda Civil en Riós.

Por último, viaxamos ata Viana do Bolo, onde, a partir das 12:00h na praza Maior, se celebrará unha concentración con mesa informativa e photocall, en denuncia da violencia de xénero. Pola tarde, a partir das 20:00h, terá lugar unha performance sobre igualdade

Una anaco antes, a partir das 16:30h, comezan as 'Rutas saudables' en Verín. Esta iniciativa da Asociación Española contra o Cancro, busca fomentar a realización de exercicio físico como base da prevención. Continuará o venres, a partir das 09:45h e terá lugar cada semana -martes e venres ás 09:45h e martes e xoves ás 16:30h-.

2021112418143910599

Como cada xoves, cita gastronómica nas rúas de Verín. A partir das 19:00h, os establecementos hostaleiros da vila acollen o Pincho Xoves, onde os asistentes poderán degustar diferentes variedades de pinchos cun prezo que oscila entre os 1,5 e os 2 euros. Dá tempo, en media hora, de desfrutar da merenda antes de acudir, ás 19:30h na Casa da Cultura, á conferencia do xornalista Miguel Pedrero, quen achegará á vila evidencias científicas que respaldan a existencia de vida despois da morte.

Venres, 26 de novembro

Nunca é tarde para reivindicar a equidade de xénero e, por iso, ás 11:00h, o centro de día Solleira acollerá a proxección do documental 'Arraigadas á terra', unha produción do CIM que conta a historia de mulleres da comarca de Monterrei, a igualdade e o empoderamento das mulleres rurais.

7464bee6-2571-4586-b724-caa40fe8812d

Pola tarde, Riós véstese de festa coa chegada dunha nova edición dos Latexos do Rural, do actor e director Rubén Riós, coa que celebrará os seus 15 anos poñendo en valor a cultura no rural. O festival dará comezo a partir das 18:30h, no salón de actos do municipio, onde se vai poder visitar unha exposición fotográfica que recollerá toda a traxectoria destes últimos 15 anos. Ás 19:30h, quenda para as mulleres na mesa redonda 'A muller rural creativa', con Benedicta Sánchez, Silvia Jato e Paulinha D´Arzoá

Ao remate, o amor será o protagonista da man de Eladio e Marina, naturais das Vendas da Barreira e protagonistas dun dos episodios da webserie Arrieiros Somos, que revelarán os segredos dun amor incondicional que xa dura máis de 70 anos. O capítulo coa súa historia será proxectado a continuación. Para concluír a primeira xornada, emisión en primicia do documental Outros camiños, obra de Riós.

Sábado, 27 de novembro

Cambio de escenario nesta xornada de Latexos que se traslada á praza do cruceiro de Riós. Pola mañá, a partir das 11:30h, terá lugar unha 'Ruta do talento', conducida por Silvia Jato e amenizada pola Banda de Gaitas de Pandereteiras de Riós. Haberá cabida tamén para os recoñecementos, coa homenaxe a Benedicta Sánchez, a Irene Villa e ao persoal sanitario do hospital de Verín, amenizados con música en directo.

Trala sesión vermú e o correspondente pasarrúas, celebrarase un xantar co broche final da coral Cantarela de Riós. Para acudir ao almorzo será requisito imprescindible dispoñer de certificado de vacinación Covid. Para pechar o evento, pola tarde, celebrarase unha romaría coa música da Charanga Ardores na mesma praza do cruceiro; magosto e queimada tradicional a cargo do Bruxo Queiman.

Á vez, sesión teatral no Auditorio municipal verinés, coa actuación de Sarabela Teatro no seu espectáculo 'Morgana en Esmelle', unha adaptación da novela de Begoña Caamaño e que conta cun reparto actoral de primeiro nivel. Aínda poden facerse coas súas entradas a través de ataquilla.com por un prezo de 10€.

Domingo, 28 de novembro

Verín C. F. afronta unha nova cita deportiva tras unha xornada de descanso. Neste caso, regresa á competición contra o ACD Polígono San Cibrao, que visita o estadio José Arjiz a partir das 16:30h. Tamén, os veciños da comarca que peregrinan dende hai unhas semanas cara Santiago de Compostela, emprenden a súa sexta etapa. Nesta ocasión, percorrerán os máis de 26 quilómetros que unen a localidade de Santo Domingo -Dozón- con Silleda.

260024748_4645965482108705_2644752283638707289_n

 

 

Para rematar a xornada dominical, a asociación EnLazados, de Laza, organiza a campaña 'Xoguetes solidarios'. Esta iniciativa, levada a cabo en colaboración con Moteros Solidarios, ten por obxecto unha recollida solidaria de xoguetes, que serán doados ás entidades do territorio que traballan nesta materia. O obxectivo é que ningún neno quede sen o seu agasallo por Nadal. O horario de entrega será de 16:00h a 17:00h na praza da Picota da localidade.

 

Cultura

Oficina de Turismo de Monterrei organiza diferentes visitas guiadas, baixo reserva previa, ás 11:00h de mércores a domingo e ás 16:00h de venres a domingo. Tamén, na Sala de Exposicións do Hospital da Trindade, está aberta ao público a exposición Entroido. Mobiliario vestido, do autor Ángel Manuel Rodríguez, máis coñecido como Piquico Rodríguez, ata o vindeiro 27 de novembro. Máis información no 988 361 360 ou a través do email [email protected].

turismo monterrei

Tamén, o Museo do Claustro Mercedario de Verín e o Etnógrafico de Castrelo do Val continúan abertos ao público, nos que se poden visitar as súas distintas exposicións en horario de mañá e de tarde.

AXENDA | O 25-N e a nova edición de Latexos do Rural, entre as actividades para esta...