luns 10/08/20
A celebración iníciase ás 13:00 horas cunha foliada e sesión vermouth

Hoxe é o día do VI Aniversario da "Arca da Noe", na carballeira de "Carabuñas", en Vilar de Santos

O festexo terá lugar ao aire libre, na carballeira do Espazo Carabuñas, para manter a máxima seguridade e coas medidas de protección necesarias fronte á COVID.

A castiñeira das Carabuñas preparándose para acoller o VI Aniversario da Arca da Noe. | FOTO: Cedida.
A castiñeira das Carabuñas preparándose para acoller o VI Aniversario da Arca da Noe. | FOTO: Cedida.

A foliada continuarase cunha sesión vermouth, para abrir o apetito e durará ata as 14:30 / 15:00 horas, que se servirá a comida. De menú, a Arca da Noe propón dous tipos de couscous: un vegano e outro carnívoro. Ao longo do día tamén haberá opción a comer as hamburguesas e tostas de champiñóns que xa son habituais no bar de Vilar de Santos. 

Para os máis cativos, ás 17:00 horas, Raquel Queizás organizará un contacontos que leva por nome "Raposadas para nenas e nenos"As Xingras da Arca farán soar as súas panderetas ás 19:00 horas e Tiruleque amenizará o festexo coa sua música tradicional a partir das 20:00 horas.  

A Arca da Noe naceu con esa idea de non deixar morrer o rural e darlle un empuxe ao produto local: promoven a venta de hamburguesas de boi feitas a menos de 5 km de Vilar de Santos, licor e marmelada de sabugueiro de "Carabuñas", pan do Mosqueiro feito por "Faragullas" con masa nai, entre outros productos.

A súa dona, Noemí Vázquez, agradece moito poder xestionar este tipo de locais no rural galego, a pesar das dificultades. Entre os recoñecementos, non esquece aos veciños e veciñas que lle axudan a diario, colaborando e apoiando un proxecto que para ela é "coma un soño, que leva xa, seis anos funcionando"

Aforo restrinxido

O aniversario celébrase, desta quenda, na carballeira das "Carabuñas" para contar co máximo espazo posible. A reserva é obrigatoria xa que é necesario respetar un aforo máximo dentro do marco de medidas contra a Covid. No recinto, haberá desinfectante a disposición dos asistentes e o uso de máscara e as medidas de distanciamento social, serán esixidos.

O prezo para aqueles adultos que acudan pola mañá é de 10 euros, nenas e nenos 5 euros, e inclúe comida, unha bebida e a entrada ao espazo. Aquelas persoas que desexen entrar pola tarde, pagarán únicamente 5 euros por acceder.

Pódese reservar na propia conta de Facebook "A Arca da Noe" ou enviando unha mensaxe Whatsapp ao 699 486 282. 

Hoxe é o día do VI Aniversario da "Arca da Noe", na carballeira de "Carabuñas", en...
comentarios