venres 22.11.2019

Toma nota! Axenda de Ocio para esta fin de semana

Seica vai frío, un magostiño non viría mal para entrar en calor... esta fin de semana continúan celebrándose na comarca. Os que non sinten o frío son os xogadores do C.F. Monterrei, o domingo xogan no Rozabales de Albarellos. Tampouco quen participe na xornada micolóxica da Mezquita. Ademais, hai contacontos para a cativada, unha exposición e cine para estar ó quentiño.

Fin de semana de magostos na bisbarra.
Fin de semana de magostos na bisbarra.

CINE

O Cinema Municipal de Verín proxectará dúas películas esta fin de semana.

Terminator: destino oscuro. Sarah Connor e Grace, unha híbrida de cyborg e humano, deberán protexer a unha xoven do Rev-9, un novo Terminator que vén do futuro. Protagonizada por Linda Hamilton, Arnold Schwarzenegger e Mackenzie Davis. Película de ciencia ficción e acción, secuela da coñecida saga Terminator, non recomendada para menores de 16 anos.

La vida secreta de tus Mascotas 2. Max enfróntase a novos e importantes cambios na súa vida: a súa dona Katie non só se casou, senón que é nai por primeira vez. Nunha viaxe familiar ó campo coñece a un can granxeiro chamado Rooster, co que aprende a dominar os seus medos. Mentres tanto, Gidget trata de recuperar o xoguete favorito de Max dun apartamento cheo de gatos. Snowball, por outro lado, embárcase nunha perigosa misión para liberar a un tigre branco, Hu, dos seus captores nun circo de animais. Secuela de Mascotas; cine infantil de animación apta para todos os públicos.

Terminator_Mascotas2

CONTACONTOS E MANUALIDADES

A Biblioteca Municipal de Verín organiza unha nova tarde de contacontos e manualidades pensada para a cativada. O moucho que padecía de insomnio recolle contos que falan do respecto pola natureza, inculcando valores humanos e o coidado do medio ambiente a través de xogos. Ademais, os participantes farán manualidades con cartolinas. Será a tarde do venres, dende as 18:00 horas e ata as 19:30 horas.

BMV_Contacontos_Moucho_20191109

XORNADA MICOLÓXICA

O Concello da Mezquita vai celebrar unha xornada dedicada ós cogumelos o sábado, 9 de novembro. Organizada pola Asociación Os Tres Reinos mailo propio Concello da Mezquita, a actividade ten por obxecto crear coñecemento nos participantes das diversas variedades de setas que hai no territorio e da súa toxicidade. Ás 10:00 horas iniciarase dende a Praza do Concello un paseo polos montes para recoller os cogumelos que se vaian atopando. Os participantes na xornada estarán acompañados dun micólogo que os asesorará durante o paseo. Xa de volta, ás 13:00 horas, realizarase a selección e identificación das especies recollidas. Ás 14:30 horas dará comezo un xantar con platos elaborados con setas.

Pódese participar na xornada micolóxica previa inscrición a través do teléfono: 988.423.506.

A Mezquita_xornada micolóxica_20191109

MAGOSTOS

Seguimos en tempo de castañas e magostos ó carón do lume. Esta fin de semana serán varios os que se celebrarán na bisbarra. Toma nota!

Albarellos, sábado 9 de novembro. A Praza do Pobo será o escenario deste magosto popular co que a "Asociación 25 de xullo" de Albarellos festexa o San Martiño. Churrasco, empanada, chourizo, viño, pan, bica, música e castañas por 7€ os adultos e 3€ os menores de 10 anos. Ademais, sortean un xamón. 

As Eiras, Laza, sábado 9 de novembro. Dende as 18:00 horas, a Asociación As Eiras celebra o seu magosto popular. Se queres participar, podes anotarte a través do seu Facebook ou por teléfono chamando a Marisol (650.883.004) ou a Christian (679.215.750).  Xantar, beber e gozar da foliada por 9€ co menú típico desta celebración: churrasco, chourizo, castañas, pan e viño... porque a todo cochiño lle chega o seu San Martiño!

Vilardevós, sábado 9 de novembro. Celebrarase na Praza do Cruceiro dende as 20:30 horas organizado pola Asociación Cultural Os Chocalleiros. Churrasco, panceta, chourizo, castañas, bica, pan, viño, auga e licores por 10€ para os adultos e 5€ para a cativada. Ademais, teñen organizado un baile para amenizar a foliada que correrá a cargo do dúo "Sabrosito".

Magosto As Eiras 20191109

EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA

A Sala de Exposicións de Verín acolle "Fragmentos da Natureza", unha mostra fotográfica que presenta unha visión da natureza en estado puro, con atención a cada especie e a cada paisaxe. Cada humano ten unha visión persoal, a contorna percíbese de xeito distinto a expensas de quen a mire ou dependendo do momento. O fotógrafo Brais Seara (Allariz, 1981) ofrece unha exposición con instantes únicos captados en Galicia, Finlandia, Alemaña, Escocia, Inglaterra ou España; imaxes que reflicten o camiño entre o observado, o interpretado e o que el mesmo quere transmitir.

A mostra permanecerá aberta ó público ata o 23 de novembro. Horarios: de martes a sábado, de 12:00 horas a 14:00 horas e de 17:00 horas a 21:00 horas.

EXPO-BRAIS-SEARA_web

FÚTBOL

O domingo, 10 de novembro, ás 16:30 horas o Club de Fútbol Monterrei xogará contra o Melias no Estadio Rozabales de Albarellos. Unha nova oportunidade para animar ó equipo que xoga na Primeira Galicia nesta tempada 2019/2020.

20191110 Monterrei futbol

Toma nota! Axenda de Ocio para esta fin de semana
comentarios