mércores 25/11/20
José Luis Tielas dirixirá este novo proxecto musical que daralle aos alumnos de corda a opción de tocar en grupo

Nace en Xinzo de Limia a Xove Orquestra Sinfónica "Ourensanía", con vocación provincial

A finais do mes de setembro farase oficial e abrirase o prazo de solicitudes de incorporación. Os ensaios da Xove Orquestra Sinfónica "Ourensanía" comezarán a partires do 20 de novembro. É o novo e ambicioso proxecto apadriñado pola Agrupación Musical da Limia. 

José Luis Tielas, nun dos ensaios da praza Carlos Casares de Xinzo de Limia. | FOTO: Noelia Caseiro.
José Luis Tielas, nun dos ensaios da praza Carlos Casares de Xinzo de Limia. | FOTO: Noelia Caseiro.

Antes de que remate o mes de novembro deste 2020 soarán os primeiros compases dalgunha das obras dos grandes músicos clásicos interpretadas pola Xove Orquestra Sinfónica "Ourensanía", o último proxecto no que xa traballa o equipo directivo da Agrupación Musical da Limia e que terá a José Luis Tielas como director.
Será a primeira vez na historia da provincia que se poña en marcha unha orquestra destas características, cun claro obxectivo, o proporcionarlle a todos os alumnos de corda dos diferentes conservatorios provinciais a posibilidade de poder interpretar en grupo

Logo da Xove Orquestra Sinfónica


José Luis Tielas, o pai da iniciativa e o seu primeiro director, sinala que coa posta en marcha da Ourensanía "cubrimos unha eiva que tiñamos nesta provincia, porque todos os estudantes de corda que acudían a un conservatorio, fose de grao profesional ou elemental, non tiñan outra opción que interpretar no centro ou na súa casa, pero nunca podían facelo en grupo e coordinados por un director como lles ocorre, por exemplo, aos de vento-metal cunha banda", explica. 

Cubrimos unha eiva que tiñamos neste provincia, porque todos os estudantes de corda que acudían a un conservatorio (...), non tiñan outra opción que interpretar no centro ou na súa casa, pero nunca podían facelo en grupo e coordinados por un director (José Luis Tielas)


Está previsto que os ensaios desta orquestra comecen a finais do mes de novembro e que sexan periódicos, todos os sábados pola mañá. O repertorio que interpretará esta primeira sinfónica provincial será, "como non podería ser doutro xeito -di Tielas- os dos grandes clásicos, pero tamén engadiremos as máis coñecidas bandas sonoras do cinema comercial e, incluso, música lixeira", engade. 
 

Chamamento a todos os alumnos da provincia


A Xove Orquestra Sinfónica Ourensanía abre as súas portas a todos os alumnos dos diferentes conservatorios da provincia. "Poderán inscribirse nela e presentarse ás probas de acceso todos os que así o desexen. Esta orquestra nace con vocación provincial e non lle pecharemos as portas a ninguén. Ademais, cando avancemos e teñamos xa un repertorio consolidado, programaremos cos diferentes concellos de Ourense e contando coa colaboración de Deputación e a súa rede provincial de auditorios, un circuíto de concertos presentando á Xove Orquestra", anuncia o seu futuro director, José Luis Tielas. 

Nace en Xinzo de Limia a Xove Orquestra Sinfónica "Ourensanía", con vocación provincial
comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade