A Consellería do Medio Rural reforzará as actuacións en materia de incendios forestais no 2026, cun investimento que ascenderá aos 75,38 millóns de euros. Esta contía supón un incremento superior ao 50 % respecto á destinada no exercicio actual, co foco posto na prevención e no apoio a particulares e concellos. Dúas iniciativas destacan: o orzamento para a xestión de biomasa nas faixas secundarias duplicarase e incrementaranse as iniciativas de concienciación e sensibilización, cun programa específico nos centros educativos para dar a coñecer o traballo do persoal e as instalacións do dispositivo.
Así o trasladou a conselleira do Medio Rural durante a súa comparecencia no Parlamento de Galicia, onde fixo balance da loita contra o lume e do cumplimento do Pladiga 2025 (Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia) unha vez rematada a tempada de alto risco. Os datos presentados por María José Gómez falan de 1492 lumes rexistrados no que vai de ano en Galicia, afectando a unha superficie de 118.966 hectáreas. Cifra que rebaixa a anunciada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a comezos de setembro, quen falaba de 120.000 hectáreas só no mes de agosto. Datos que contrastan notablemente cos recollidos polo Sistema de Información de Incendios Forestais da Comisión Europea (EFFIS) do programa Copernicus: máis de 171.000 hectáreas queimadas no verán e case 210.000 ha desde comezo do 2025.
Fondo duplicado para a xestión da biomasa
Unha das medidas máis destacadas anunciadas pola conselleira é o reforzo do convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga. Este convenio duplicará o seu orzamento, pasando dos 12 millóns de euros actuais ata os 25 millóns de euros o vindeiro ano, o que permitirá mellorar a prevención dos incendios. Este esforzo redobrado busca protexer os núcleos de poboación, axilizando as execucións subsidiarias, prestando maior apoio aos concellos de menos de 10.000 habitantes e impulsando a creación de barreiras naturais mediante a plantación de frondosas.
Durante a súa intervención, María José Gómez subliñou que a situación vivida este verán foi "extraordinaria", marcada por condicións climatolóxicas extremas que provocaron que os lumes acadaran "intensidades e velocidades moi altas" en pouco tempo. A pesar disto, a conselleira fixo fincapé na intencionalidade como principal causa dos incendios, afirmando que máis do 70 % dos lumes rexistrados en agosto foron intencionados.
Aposta pola sensibilización e a formación
Gómez recalcou que se seguirán reforzando as accións de sensibilización e información cara a veciñanza, especialmente nas parroquias de alta actividade incendiaria. Neste senso, avanzou que se van incrementar este tipo de iniciativas, especialmente entre os máis cativos coa posta en marcha dun programa específico nos centros educativos para dar a coñecer o traballo do persoal e as instalacións que conforman o dispositivo.
No ámbito da formación, enfocada cada vez máis na especialización do persoal, a conselleira recalcou que entre este 2025 e 2026 destinaranse 1,8 millóns de euros ao adestramento do persoal. Gómez quixo poñer en valor o esforzo realizado nos últimos anos en melloras laborais para o dispositivo: "Sen os profesionais non existiría dispositivo de prevención e loita contra os lumes", afirmaba.
Medios materiais e apoios tralos incendios
A conselleira detallou que o vindeiro ano haberá un incremento de medios aéreos, novas motobomas e máquinas multifunción, aos que se lle suma un investimento de máis de 9 millóns de euros para mellorar as edificacións xa existentes e crear outras novas. En canto a melloras tecnolóxicas puxo en valor a rede de cámaras de videovixilancia que favorecen unha resposta rápida e concisa. Actualmente, explicou, a nosa comunidade conta con 181 en 90 espazos e proximamente instalaranse outras 56 novas en bases aéreas e centros de referencia.
A titular de Medio Rural lembrou que a comezos de outubro iniciáronse os traballos de recuperación do monte e loita contra a erosión, coa técnica do mulching tras identificar as zonas máis críticas. A Consellería continuará coa reparación de danos, destinando 3,2 millóns de euros para a restauración tralos incendios e facilitando as axudas ás persoas afectadas, lembrando que se aprobaron xa 156 achegas para explotacións gandeiras, agrícolas e forestais cun valor superior ao millón de euros.





