Entre os contratos de xestión de biomasa nas faixas secundarias non executados (1.786.005,65€) e de xestión da biomasa nas zonas de dominio público das estradas autonómicas pendentes de adxudicar (1.029.240,11€ ), ambos responsabilidade de SEAGA, a Consellería do Medio Rural mantén bloqueados case 3 millóns de euros dedicados a prevención. A esta cantidade hai que sumarlle 5,4 millóns de euros en subvencións para actuacións preventivas en montes veciñais en man común e agrupacións forestais de xestión conxunta pendentes de resolución. Presentáronse 480 solicitudes, pero inda non están resoltas. En total, 8.215.245,76 € para a prevención de incendios paralizados.
O pasado 30 de abril, a propia conselleira do Medio Rural, María José Gómez, anunciaba que o Plan de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, Pladiga 2025, sería aprobado polo Executivo autonómico na súa xuntanza do día 5 de maio. Así foi. Un plan que indica a obriga de ter limpas as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa (50 metros arredor de núcleos de poboación, infraestruturas, equipamentos sociais, zonas edificadas, parques e polígonos industriais) a 31 de maio. Estas zonas son de xestión municipal e para a súa limpeza acódese ao convenio entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a empresa pública SEAGA; organismo que ten a obriga de licitar a contratación dos traballos (subcontratando empresas privadas).
Neste 2025, SEAGA licitou os contratos de limpeza das faixas a 20 de xuño dividíndoos en oito lotes, dous por provincia. Esta é a parte máis importante do plan de prevención contra incendios. A Ourense correspóndenlle dous lotes; ningún dos dous foi adxudicado. A pesar de que na web de información pública Contratos de Galicia detallan este procedemento como "Formalizado", a realidade é que somentes os lotes da provincia de Pontevedra foron adxudicados a empresas o 31 de xullo e formalizado o contrato para realizar os traballos a 21 de agosto. En plena vaga de lumes e na época de perigo alto de incendios forestais, declarada por Medio Rural entre o 1 de xullo e o 30 de setembro. Dos case 2'3 M€ destinados a limpeza de faixas secundarias, somentes 492.556,48 € están adxudicados para os lotes 7 e 8 (Pontevedra).
A fiscalía investiga posibles responsabilidades
A Fiscalía Especializada en medio Ambiente e Urbanismo iniciou xa a investigación de responsabilidades polos incendios. En concreto, os fiscais están a buscar a posible relación entre a falta de plans de prevención contra incendios forestais (municipais e autonómicos) e a histórica vaga de lumes que está a sufrir Galicia. Neste sentido, no Plan de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia 2025, establécese o "Sistema público de xestión da biomasa dos terreos rústicos incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa"; é dicir, un convenio entre A Xunta, SEAGA, a FEGAMP e os concellos que voluntariamente se adhiran para "axilizar a xestión das faixas secundarias e como apoio aos concellos". O convenio asinouse o 11 de abril de 2025 con 260 concellos adheridos e 28 que teñen pendente a aprobación do plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais (a súa adhesión está suspendida ata a aprobación do plan). Conta cun orzamento de más de 12 M€ para actuacións en todos os concellos adheridos e accións máis intensas só nas "parroquias priorizadas".
No Pladiga inclúense zonas de actuación prioritarias: as Zonas de Alto Risco de incendios forestais (ZAR) e as Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI). Este ano, no noso territorio, contempla como ZAR todos os concellos das comarcas de Verín-Monterrei e de Viana e 9 parroquias PAAI definidas polo número de incendios rexistrados ou pola gran virulencia dos declarados nos últimos 10 anos: San Millao e Montes en Cualedro; A Gudiña (San Martiño e San Pedro), Pentes e O Tameirón en A Gudiña; O Pereiro e Santigoso en A Mezquita; e A Granza e Oímbra no municipio de Oímbra. Deste listado de zonas de actuación prioritarias, o Pladiga 2025 sacou as parroquias da Xironda (Cualedro), Camba (Laza), Chaguazoso (A Mezquita) e Bousés (Oímbra).

