domingo. 19.07.2026
Os datos do satélite Copernicus amosan 12 593 hectáreas máis de superficie calcinada que os declarados pola Xunta de Galicia

Máis de 41 000 hectáreas arrasadas nos incendios de Oímbra, A Mezquita e Vilardevós | NOTICIAS VERÍN

20250820 Incendio Monterrei- Rueda Visita A Caridade, conselleira e alcalde monterrei
Alfonso Rueda visitaba onte a aldea da Caridade, calcinada polas lapas o pasado 13 de agosto, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez Martínez. | FOTO: Xunta de Galicia.

As cifras de superficie abrasada polo lume sempre teñen controversia e son punta de lanza na discusión entre partidos políticos; e nos incendios forestais de Galicia non ía ser menos. Entre o "cando ti estabas había máis" e a escaseza de datos que transmite a Consellería do Medio Rural existen imaxes do satélite Copernicus -utilizadas para o Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais (EFFIS)- que amosan cifras de superficie arrasada polos lumes ben diferentes dos datos oficiais estimados. En concreto, 12 593 hectáreas de diferenza. É dicir, o equivalente a algo máis da superficie do concello de Castrelo do Val (122 km²). A Xunta actualizaba esta mañá os datos, tras aumentar a zona dos incendios de Oímbra (sumoulle 2000 ha) e Moialde (Vilardevós); en total: 29 199 ha. Pero as estimacións das imaxes do satélite alcanzan a cifra de 41 792 ha, a día de hoxe.

Medio Rural foi diminuíndo a información da situación dos lumes forestais a medida que ían pasando os días. Se ao comezo había tres entregas diarias de "estimacións provisionais" da superficie afectada, nos últimos días pasaron a ser somentes dúas: unha pola mañá e unha pola noite. Notas informativas nas que podía verse como, a pesar de que os incendios seguían activos ao longo da noite e da madrugada arrasando novas poboacións, os datos "estimados" eran os mesmos na mañá que na noite anterior. A isto temos que sumarlle como ían aparecendo e desaparecendo lumes dos informes; a Xunta decidiu que nas súas notas xa non ían aparecer sempre os lumes extinguidos (Está apagado e coas tarefas de liquidación efectuadas. Non hai lapas e o bordo está frío) ou controlados (Incendio forestal no que se conseguiu deter a súa propagación. Pode haber lapas dentro do perímetro que requiran de labores de liquidación). Tampouco aparecían moitos outros -alomenos ata que se viralizaron nas redes sociais días despois- como foi o caso do que afectou a Pena Trevinca. Isto dificulta coñecer a situación real.

20250821 Superficie afectada polos incendios forestais, elavoración propia
Superficie afectada polos incendios forestais na comarca do 1 ao 21 de agosto. | Elaboración propia.

Pouca transparencia informativa nos datos oficias, que -inda que só sexa por ética- teñen a obriga de entregar para informar á cidadanía. Non queda aí a cousa, Medio Rural somentes informa sobre os incendios que afectan a unha superficie de 20 hectáreas ou máis e sobre os que afectan a poboacións e espazos protexidos; e con moi poucos datos. Se en tempos do bipartito gobernando había información clara e precisa sobre lugar, inicio, fin, tipo de lume, medios, superficie e tipo de superficie (raso e/ou arborado) en cada parte diario, dende a volta do Partido Popular ao Executivo galego con Alberto Núñez Feijóo como presidente (2009) comezouse ocultar a información sobre os incendios e lanzar teorías sobre "terrorismo incendiario". Nunha entrevista coa Cadena Ser, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, recoñecía "no que vai de agosto a día de hoxe (18 de agosto) levamos rexistrados 492 incendios só no mes de agosto, é dicir, 370 incendios máis dos que houbo o ano pasado". Sen embargo, neste mesmo tempo, a Xunta somentes informou de 45.

Datos da Xunta de Galicia fronte datos do satélite Copernicus

Entrando no que nos atinxe directamente, os incendios que asolaron as terras da comarca e dos municipios veciños da comarca de Viana, podemos ver a significativa diferenza nas cifras que publica a Consellería do Medio Rural e as que amosa a análise do Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais (EFFIS) basadas nas imaxes do satélite Copernicus. Lembremos, en total: 12 593 hectáreas de diferenza. 

No caso do incendio de Oímbra, que comezara na parroquia da Granxa o pasado martes 12 de agosto, Medio Rural incrementaba onte -logo de varios días sen facelo- a superficie estimada a 17 000 hectáreas. O satélite Copérnicus actualizaba esta mañá a superficie ata as 23 097 hectáreas. A información deste lume tivo o seu aquel ao longo dos días; ao final, a propia Xunta decidiu unilo a "outro rexistrado o pasado venres ás 17.22 horas na localidade ourensá de Xinzo de Limia, Gudín". Este lume foi, sen dúbida, o máis voraz dos que tivemos na raia estos días pasados; afectou aos concellos de Oímbra, Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Castrelo do Val, Xinzo de Limia, Trasmiras e Baltar. 

20250821 IFAGranxaOímbra Copernicus área quemada
Captura de pantalla de hoxe, 21 de agosto do 2025, das áreas queimadas polo incendio de Oímbra que recolle o satélite Copernicus cos datos estimados de superficie afectada.

Se nos trasladamos ata o incendio que comezara o mesmo martes 12 na Mezquita, tamén hai diferenza nos datos; inda que non tanta. Medio Rural fala de "10 000 hectáreas en territorio galego" mentres o satélite Copernicus establece 13 185 hectáreas. Este lume afectou aos municipios da Mezquita, A Gudiña e Viana do Bolo en Galicia; así como a territorio da provincia de Zamora. 

20250820 IFAEsculqueiraAMezquita Copernicus área quemada
Captura de pantalla das áreas queimadas polo incendio da Mezquita que recolle o satélite Copernicus cos datos estimados de superficie afectada.

Vilardevós rematou estos días de terror con tres grandes incendios forestais (aqueles que superan as 500 hectáreas) e un incendio forestal (superficie forestal afectada superior a 0.5 ha arboradas ou de máis de 1 ha se é mestura de raso e arborado). Segue activo o iniciado en Moialde o luns 11, reactivado o xoves 14, e ao que Medio Rural lle otorga arredor de 600 hectáreas; o satélite Copernicus detalla 1936 hectáreas. O que comezara en Terroso o 1 de agosto, declarado como controlado dende o día 4, tamén ten diferente medición de superficie: para a Xunta foron arredor de 570 hectáreas e para o satélite do Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais foron 1002.

20250820 IFTerrosoVilardevós e IFMoialdeVilardevós Copernicus área quemada
Captura de pantalla das áreas queimadas polos incendios de Vilardevós (Moialde e Terroso) que recolle o satélite Copernicus cos datos estimados de superficie afectada.

O de Vilardecervos dábase por estabilizado ás 23.44 horas de onte, martes 19 de agosto, cunha superficie afectada de "arredor de 900 hectáreas" segundo Medio Rural e de 2304 segundo Copernicus. Hai que sumarlle os datos do lume que afectou a Fumaces e A Trepa: 100 hectáreas para a Xunta e 239 segundo Copernicus.

20250820 IFVilardeCervosVilardevós Copernicus área quemada
Captura de pantalla das áreas queimadas polo incendio de Vilardevós (Vilardecervos) que recolle o satélite Copernicus cos datos estimados de superficie afectada.

E non podemos esquecer as 9 hectáreas do incendio que afectou a Mourazos e das 20 do lume que se iniciaba o luns 18 de agosto en Trasestrada (O Riós). Tampouco podemos esquecer que Medio Rural somentes informa sobre incendios de 20 hectáreas ou que afectan a poboacións e/ou áreas protexidas. Polo tanto, non hai datos oficias da Xunta daqueles incendios forestais inferiores a 20 hectáreas que non afecten a ditas zonas nin dos conatos (inferiores a 1 hectárea (ha) rasa ou 0.5 ha arboradas).

Máis de 41 000 hectáreas arrasadas nos incendios de Oímbra, A Mezquita e Vilardevós |...