Mércores. 30.11.2022
Farmacia da rúa Lisa de Verín.
Farmacia da rúa Lisa de Verín.

O conselleiro de Sanidade, García Comesaña, avanzou hoxe no Parlamento de Galicia varias medidas de impacto para simplificar os trámites entre a cidadanía e o persoal sanitario e alixeirar así a carga burocrática en atención primaria. García Comesaña avanzou a intención da Xunta de desenvolver a aplicación SergasMóbil para que xere alertas para o paciente no momento no que se aproxime a caducidade da súa receita e lle permita solicitar a través da propia aplicación, ou desde a oficina de farmacia, esa renovación.


O conselleiro anunciou ademais que o Sergas automatizará a xestión das baixas derivadas da atención hospitalaria eliminando así a necesidade de pedir cita en atención primaria para tramitar a súa solicitude. E tamén dixo que no plan de atención para o 2023 programarase a revisión en atención primaria de preto de 75.000 pacientes crónicos ou pluripatolóxicos.


En canto á aplicación SergasMóbil, o conselleiro explicou que o persoal médico e farmacéutico recibirá a notificación de solicitude no seu sistema de historia clínica electrónica e, no caso de valorar que a renovación procede sen necesidade de revisión física, poderá autorizala de xeito telemático. 


“Este sistema permitirá aforrar desprazamentos, trámites e complicacións tanto á cidadanía como ao persoal sanitario sen descoidar en ningún momento o coidado da saúde da cidadanía”, indica Sanidade nunha nota de prensa este martes.


Na comparecencia, García Comesaña, anunciou que desde o presente mes de outubro e até finalizar o ano, aprobaranse preto de 40 novos protocolos de enfermaría de práctica avanzada, “para que os profesionais desta especialidade poidan resolver dun xeito autónomo consultas vencelladas con patoloxías que non requiran de presenza médica”.


No caso do persoal farmacéutico, habilitase estes profesionais para renovar as receitas de pacientes crónicos. A este respecto, o conselleiro destacou que, entre os que traballan nos centros de saúde e os destinados á central de apoio, foron quen resolver máis de 109.000 consultas de renovación de receitas no que vai de ano.   


TRES NOVAS PRAZAS EN ATENCIÓN PRIMARIA NA COMARCA
A Xunta de Galicia vén de adxudicar, na primeira quenda, 20 das 21 prazas difícil cobertura convocadas en Ourense para persoal médico de Atención Primaria. O persoal facultativo incorporarase este mes aos seus centros de saúde e reforzará tamén os PAC. 

As prazas cubertas son dúas no Barco de Valdeorras; unha en Viana do Bolo; e tres en Verín, Monterrei e Laza con gardas neste PAC e na Zona Especial de Garda de A Gudiña-Mezquita. Na Baixa Limia, no PAC Bande, con cobertura a Bande e Lobeira. A Limia suma tres prazas con consultas no PAC comarcal e nos centros de saúde de Xinzo, Os Blancos, Calvos de Randín, Trasmiras, Sandiás e Vilar de Santos.  


Nas Terras de Caldelas cubriuse tamén unha praza con gardas no PAC de Castro Caldelas e consultas en Castro Caldelas e Parada do Sil. Asemade, cubríronse tamén as de Piñor, San Cibrao de Viñas, San Amaro e Cenlle, con gardas, en función de cada praza, nos Puntos de Atención Continuada (PAC) de Ourense, Carballiño, Coles e Ribadavia. Outra no Centro de Saúde/PAC de Celanova; no PAC de Ribadavia/Leiro e Beade;  e dúas en  Beariz e Punxín, con gardas nos PAC de Ribadavia e Carballiño. 

NOTICIAS VERÍN | As receitas sanitarias poderán renovarse a través dunha aplicación en...
comentarios