sábado. 27.04.2024
As vacinas chegaron onte a Santiago, onde se almacenarán ata o inicio da campaña.
As vacinas chegaron onte a Santiago, onde se almacenarán ata o inicio da campaña.

A vacinación covid volve coller forza de cara ó outono. Co obxectivo de protexer ós máis maiores, o 26 de setembro comezará a inoculación das cuartas doses entre os usuarios dos centros sociosanitarios de toda Galicia. Os equipos de vacinación visitarán de novo as residencias de maiores da comarca para protexer a todos os residentes.

Para poder iniciar esta nova fase, a Consellería de Sanidade recibiu onte 77.600 doses que se administrarán a partir do 26 de setembro. "Vacinarase primeiro a todos os usuarios dos centros sociosanitarios, non só ós maiores de 80 anos", explicou Alfonso Rueda, presidente da Xunta. Unha vez que se remate con este colectivo, iniciarase o proceso para a poboación xeral maior de 60 anos. A primeira franxa que se citará será a das persoas de 80 ou máis anos e logo seguirase cos de 60 a 80.

Ata o de agora, as persoas inmunodeprimidas foron as únicas que recibiron unha cuarta dose. Neste grupo inclúense os pacientes oncolóxicos, transplantados ou aquelas persoas maiores de 40 anos con síndrome de Down. A este grupo sumaránselle en breve os usuarios de centros sociosanitarios e os maiores de 60.

Ademais, os grandes recintos de vacinación, como Expourense no caso da provincia ourensá, volverán abrir para loitar contra a covid no caso de que sexan "compatibles" co proceso. Esta é unha das principais ideas, pero é preciso recordar que en anteriores ocasións, os maiores de 80 foron citados en diversos centros de saúde para facilitarlles o acceso. No caso de Verín, serían chamados para acudir ó hospital comarcal e recibir alí a súa correspondente vacina

Un hospitalizado en Verín

Con datos actualizados de onte pola Consellería de Sanidade, a área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras conta con 316 casos activos de covid, dos cales 26 se atopan en hospitalización convencional e un na UCI. No Hospital de Verín aténdese a un deses pacientes contaxiados. En canto aos concellos da comarca, só Riós e Monterrei non rexistraron ningún novo positivo na última semana.

NOTICIAS VERÍN | Sanidade recibe case 78.000 vacinas para a cuarta dose da covid