jueves. 25.04.2024
Félix Rubia, Julio García Comesaña, Eva Barrio e Gabriel Alén.
Félix Rubial, Julio García Comesaña, Eva Barrio e Gabriel Alén.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a alcaldesa de Riós, Eva Barrio, asinaron un convenio de colaboración para financiar a reforma do centro de saúde da localidade. As obras, que consistirán na reparación da cuberta e no acondicionamento do interior das instalacións, teñen un importe superior ós 48.000 euros. Na firma estiveron acompañados de Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta na provincia, e de Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

As melloras permitirán reparar a cuberta e isto aumentará o illamento térmico envolvente do edificio, optimizando a impermeabilidade da mesma e a seguridade da estrutura. Actualmente, a cuberta do centro de saúde amosa graves deficiencias e isto provoca humidades no andar que se destina ás consultas e atención de pacientes.

Outra das actuacións será sobre a carpintería exterior e consistirá na automatización de apertura das ventás localizadas nas consultas. En canto ao equipamento, substituiranse as cadeiras da sala de espera por unhas novas e tamén se colocarán estanterías nas consultas.

O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición para asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Pola outra banda, a alcaldesa tamén deu as grazas á Consellería "polo trato recibido" e á Deputación de Ourense, quen fará unha aportación económica para a reforma. Deste xeito, tanto o persoal como os pacientes do centro de saúde de Riós contarán cunhas instalacións óptimas e máis confortables.

 

As melloras nos servizos de Atención Primaria son unha constante por parte da Consellería de Sanidade. Nos últimos anos abriron novos centros de saúde en diversos puntos da provincia e tamén asinaron convenios para reformar e así optimizar as instalacións doutros.

No 2021, Sanidade firmou unha colaboración para reformar o centro de saúde de Vilardevós, dotándoo dun novo método de produción de frío para o que se destinou máis de 10.000 euros aportados pola administración autonómica e o Concello. En total, nos últimos dous anos a Xunta colaborou nas melloras de 16 centros de saúde ourensáns de titularidade municipal.

Ademais de todas estas inversións, a Xunta destinou desde 2007 preto de 11 millóns de euros para financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal, cantidade que para a provincia de Ourense ascendeu a 2,6 millóns de euros. Concretamente, o Concello de Riós recibe 8.240 euros anuais para os pagos de mantemento do seu centro de saúde.

Centro de saúde de Riós.
Centro de saúde de Riós.

NOTICIAS VERÍN | Concello e Sanidade pactan a reforma do centro de saúde de Riós