domingo 20/09/20
Os díscolos dos socialistas vianeses retiráronlle a alcaldía ao nacionalista Secundido Fernández

Dous tránsfugas devolven a Viana "aos tempos escuros de Montesinos coa moción da vergoña", din os nacionalistas saíntes

Non houbo sorpresas e cumpríronse os cálculos previos á votación da moción de censura. Os dous díscolos xa exsocialistas e todavía concelleiros, agora non adscritos, retiráronlle a confianza do plenario vianés a Secundino Fernández Fernández, facendo alcaldes para os vindeiros tres anos a Abelardo Carballo e Andrés Montesinos

Abelardo Carballo, o novo alcalde de Viana do Bolo, recibe o bastón de mando da concelleira nacionalista Natalia Estévez. | FOTO: Noelia Caseiro.
Abelardo Carballo, o novo alcalde de Viana do Bolo, recibe o bastón de mando da concelleira nacionalista Natalia Estévez. | FOTO: Noelia Caseiro.

Aínda que tanto o xa exrexedor vianés Secundino Fernández, como a voceira do Partidos dos Socialistas de Galicia, María Páez -a única que se reivindicou como acreditada representante do PSdeG-PSOE na Corporación logo de renegar dos seus compañeiros de formación, Abelardo Carballo e Santiago Barja- tentaron reconducir a vontade dos dous tránsfugas socialistas, o muñidor da moción de censura, o popular Andrés Montesinos acabou acadando o seu obxectivo último, que é o de recuperar a alcaldía da vila de Viana dentro de ano e medio, o tempo que estará no cargo Abelardo Carballo, o terceiro da terceira lista máis votada nos pasados comicios de maio de 2019.

DSC_4724 (FILEminimizer)Santiago Barja e Abelardo Carballo, os exsocialistas díscolos que apoiaron a moción de censura do popular Montesinos. | FOTO: Noelia Caseiro


A sesión plenaria foi tan dolorosa, malia os apoios que rexistraron do público presente no salón de actos da Casa da Cultura de Viana, que os catro edís do BNG non foron capaces de aguantar a que se dese o pleno por concluído e levantáronse das súas cadeiras cara o exterior das instalacións, onde unha numerosa representación dos seus acólitos os agardaban para darlle a última das apertas de apoio logo de perderen o basto de mando que xa transportaba o exsocialista Carballo dende as 13:08 horas deste martes 1 de setembro. 
Máis de dúas decenas de axentes, entre membros da Garda Civil e Policía Local, aseguraban que tanto a entrada coma a saída ao interior da Casa da Cultura de nacionalistas, populares, a socialista e os tránsfugas se realizase coa moderación que esixe o respecto entre as persoas, aínda que non se puideron reprimir os berros -antes, durante e depois da sesión- en contra da que xa se coñece, en Viana e fóra dela, como a "moción da vergoña".
Moita era a parroquia de Secundino Fernández presente no salón de actos, aínda que tamén se escoitaban voces críticas dos socialistas á súa xestión nas primeiras filas das bancadas ou algúns incondicionais, incluso, de Montesinos, que vitorearon as súas respostas cando se votaba a moción. 
Constituída a mesa de idade, presidida por un concelleiro do BNG, comezaron as quendas de intervención. A primeira foi para a secretaria municipal, que ademais de dar lectura aos preceptos legais que rexían o desenrolo do pleno, rematou coa exposición do escrito no que os solicitantes xustificaban a presentación da moción de censura: unha falta de proxecto de rexeneración para a vila, a manipulación dos medios de comunicación no seu beneficio, o autoritarismo do rexedor, o escaso dinamismo da acción de Goberno presidida por Secundino Fernández ou ata a crítica ao seu confinanmento en Lugo no Estado de Alarma, foron os argumentos reflectidos por populares e non adscritos para levar adiante "unha medida excepcional e non desexada, que non é contra o BNG senón contra o seu alcalde", dicían os asinantes. 
Pouco se lle escoitaba ao xa alcalde, Abelardo Carballo, visiblemente nervioso e continuamente interrompido polos berros de traidor e tránsfuga, entre outros, da bancada nacionalista. Tentou xustificar a súa postura cun ataque directo ao exrexedor nacionalista, de quen dixo "que utilizou os votos do PSdeG para ser alcalde, gobernando logo a base de decretos. Nunca o debimos de apoiar, apoiámolo sempre a cambio de nada e xa non quixemos ser máis cómplices e responsables da súa xestión", dixo Carballo. 
Comezou o exalcalde, Secundino Fernández, recibindo unha pequena ovación nada máis iniciar o seu alegato que, na súa grande maioría, o consumiu para tentar atacar aos exconcelleiros socialistas, dos que dixo "nunca tiveron vontade de chegar a un acordo con nós, mesmo nunha reunión con vostedes na sede da súa formación se comprometeu este partido -o BNG- a presentar antes do 19 de agosto unha proposta de coalición á que vostedes se adiantaron presentando o 18 o escrito de moción de censura no concello", sinalou. "Non tiñan vontade de chegar a ningún acordo cos nacionalistas e acabáronse vendendo ao PP e propiciando, con esta moción da vergoña, que Viana volva aos tempos escuros de Montesinos como alcalde", asegurou o aínda alcalde por aquel entón, Secundino Fernández. 

Secundino Fernández Fernández.Secundino Fernández Fernández, na súa derradeira intervención como alcalde de Viana neste mandato. | FOTO: Noelia Caseiro. 

Tentou, sen éxito, tender de novo a man aos díscolos -"aínda estandes a tempo de que a moción de censura non se consuma", e deu a coñecer ao público un escrito asinado por 35 alcaldes-pedáneos de outras tantas aldeas do municipio rexeitando a moción que se estaba a debater. 

Fernández Fernández dirixiuse directamente a un dos díscolos, Santiago Barja, ao quen, nomeadamente, lle refrescou a memoria cando "ti e máis eu denunciamos os abusos e os excesos do que agora vai a ser o alcalde nas obras da praza de María Pita, e mesmo asegurabas que abandonarías o teu partido se a nivel nacional non te apoiaban nesa reclamación", afirmou, non antes de despedirse do público afín apuntando "que nos imos coa cabeza moi alta e sabedores de que sempre é o pobo o que máis ordena", nunha clara referencia ao tema insignia da Revolución dos Craveis portuguesa obra do cantautor Zeca Afonso e que máis tarde, xa fóra do salón de actos, soaría para despedir ao nacionalista das súas funcións como rexedor. 

Foi a da socialista María Paéz a intervención máis animada e vehemente de todas as escoitadas. Repartiu para todas as filas, deixando, como así amosaba nun papel coas siglas da súa formación, que ela "era PSOE e que o PSOE non votará a favor desta moción de censura", aínda que ben podería facelo porque o seu discurso tivo explícitas críticas á xestión de Secundino Fernández e á súa formación nacionalista: "Non foi capaz de dialogar, regalámoslle durante dous mandatos a alcaldía e amosou ser un mentiroso compulsivo ou... Xa non se lembra do puñetazo que deu na mesa cando estabamos a negociar o goberno de coalición e nos dixo, aos socialistas, que o queriamos todo? Era moito pedir unha tenencia da alcaldía e as concellerías de Cultura e Medio Rural?", lle preguntou ao alcalde xa case saínte. 

María Páez Pérez, do PSdeG vianés.María Páez Pérez acuñou, na súa intervención, unha xa coñecida frase: "Eu son PSOE". | FOTO: Noelia Caseiro. 

Remataría a quenda de intervencións o portavoz popular, Andrés Montesinos, que en pouco máis de trinta segundas se referiu ao expresando no documento da moción para darlle paso a Graciela Diéguez, voceira nos nacionalistas no Concello de Viana, quen, distribuiu ataques aos díscolos e populares por igual, con consignas tales como "Viana, a todos vostedes, non lles importa, o que lles importa é detentar o poder aínda que para iso sexa necesario mercar e vender vontades, levando a este concello de novo aos tempos escuros de Montesinos, os tempos do medo. Nós marchamos con dignidade e vostede -en clara alusión ao xa alcalde da vila, Abelardo Carballo- entra neste concello sen ela", rematou. 

DSC_4693 (FILEminimizer)Graciela Diéguez, voceira do BNG non Concello de Viana do Bolo con Secundino como rexedor. | FOTO: Noelia Caseiro. 

Logo da intervención, comezou a chamarse nomeadamente a canda un dos concelleiros para coñecer a súa intención de voto e non houbo sorpresas. Os catro votos do PP engadidos aos dous dos tránsfugas "indignos", como así os calificaron os seus excompañeiros de formación, déronlle a alcaldía ao tándem Carballo-Montesinos, que gobernarán, agora xa sen sorpresas vista a división irreconciliable entre nacionalistas e socialistas, durante os vindeiros tres anos a vila vianesa. 

Os catro edís do BNG de Viana do Bolo, á saída da Casa da Cultura da vila.
Natalia Estévez, Secundino Fernández, Graciela Diéguez e José Antonio Alfonso, ao remate do pleno da moción de censura, emocionados polo apoio de varias decenas de veciños de Viana e simpatizantes nacionalistas. | FOTO: Noelia Caseiro. 

Dous tránsfugas devolven a Viana "aos tempos escuros de Montesinos coa moción da...
comentarios