Martes. 19.03.2024
Reconstrucción do virus da gripe de 1918.
Reconstrucción do virus da gripe de 1918.

Finais de verán do ano 1918, en Europa estaba apunto de rematar esa sanguenta guerra que anos despois sería coñecida como primeira guerra mundial, en España sufríase unha crise de abastecemento debido a inflación que provocaba a devandita guerra e na comarca a confesión do asasino do cacique e exalcalde Vicente Sola estaba en boca de todos.

Mentres todo isto acontecía, unha cepa da gripe A que xa aparecera nalgunhas cidades a finais de primavera, mudaba cara unha forma moito máis mortífera e contaxiosa, provocando unha das maiores pandemias da historia: a Gripe de 1918 ou Gripe Española.

Vilardevós, Feces e Oímbra, "estacións sanitarias"

A enfermidade chegaría a nosa comarca por dous focos distintos: Ourense, onde xa a mediados de setembro entrara a epidemia nos cuarteis militares; e Portugal, que a inicios de outubro contaba xa con 300 infectados soamente na vila de Chaves.
Precisamente foi no inicio de outubro cando a pandemia comezou a facerse visible e se empezaron a tomar as primeiras medidas. En todo Ourense pecháronse as escolas, prohibíronse as feiras, festas e a asistencia a enterros e velorios e suspendéronse as oposicións a mestre, mentres que na comarca establecéronse en Vilardevós, Feces e Oímbra “estacións sanitarias” na fronteira, que na práctica era un peche de fronteiras, con 100 gardas civís de Ourense e 40 de Ávila e Soria. Pero estas medidas, ó igual que no presente, non serviron de moito para parar o virus, e pese a que durante todo o mes de outubro producírase unha loita titánica por controlar a epidemia, a enfermidade creceu pola comarca sen control provocando centos de mortes.

Todos os médicos de Verín, enfermos

Como testemuña da desolación que causou esta gripe, temos a hemeroteca. O 12 de outubro unha corta noticia de “El Correo de Galicia” informa que en Verín a epidemia estaba tomando caracteres alarmantes. Cinco días despois, “El ideal Gallego” di que nas últimas 24 horas se produciron 93 mortes na provincia, das cales dúas foran en Verín, nese mesmo día “La Región” recolle o testemuño dos farmacéuticos de Verín, que se queixan da falta de medicamentos e do médico de Laza, que di non poder atender a todos debido a gran dispersión da poboación; o día 19 varios periódicos informan de que todos os médicos de Verín estaban enfermos. A partir de este día a situación descontrolase totalmente. O día 21 de outubro, o “Diario de Pontevedra” advirte de que nos distritos de Verín, Viana e Valdeorras, a epidemia “adquiere gran desarrollo” habendo numerosos casos graves e bastantes defuncións; ese mesmo día o concello de Verín, en vista da situación reinante, acorda destinar, si fora necesario, todas as partidas do presuposto a “sofocar” a epidemia. Un día despois, aparecen publicadas 3 defuncións en Laza e catro en Verín e o seguinte día informase doutros catro falecidos en Verín. O día 26 o “Correo de Galicia” avisa de que en Verín a epidemia continúa aumentando e o día 29 o mesmo periódico calcula en 50.000 o número de infectados na provincia de Ourense e 1.300 as defuncións. Para o penúltimo día de outubro “El ideal Gallego” di que en Vilardevós os infectados pasan de 400 e que nas últimas 24 horas morreran 5 persoas en Verín.

Un novembro negro 

Para o mes de novembro a epidemia e tan grande en toda España que a maioría dos xornais deixan de informar sobre vilas como Verín, aínda así, atopamos que o día 6 “El Eco de Santiago” informa de que na capital de provincia a gripe xa estaba estancada, pero que no resto da provincia, e en especial Verín, continuaba a facer grandes estragos. Polas noticias que se poden atopar (igual cando a maldita hemeroteca de La Región teña o acceso aberto hai que cambiar moitas cousas deste artigo), a gripe continuou a facer grandes estragos durante todo o mes de novembro, atopándonos con que o día 21 morreran 5 veciños de Vilardevós e en Laza o farmacéutico. Dous días despois, “El correo Gallego” informa de que en Flariz, dende o día 10, levaban morto 13 persoas. Para finais de mes, tal e como informa o xornal verinense “El nuevo Támega”, xa non debían quedar moitos medicamentos na comarca, pois no exemplar do 28 de novembro aparece que o deputado Luís Espada, a instancias do alcalde de Vilardevós, intercedera ante a Inspección Xeral de Sanidade para conseguir medicamentos e desinfectantes para ese concello. O 3 de decembro o mesmo periódico informa doutra intercesión de Luís Espada para conseguir medicamentos para o concello de Laza.

Decembro castigador en Vilardevós e A Mezquita

Para o mes de decembro o peor da pandemia xa pasara, e de igual modo que tivo un crecemento vertixinoso, tamén o foi o seu descenso, aínda así a nosa comarca debeu de ser das últimas en saír desta epidemia pois aínda o día 5 de decembro o xornal “El noticiero Gallego” reportaba que a gripe continuaba facendo estragos na zona e que as zonas mais castigadas eran Vilardevós e A Mezquita.


As cifras totais de mortos por esta gripe nunca serán de todo claras, en global fálase de que no mundo morreu entre 40 e 100 millóns de persoas. En España o número oficial de falecidos foi de 147.114, cifras que os últimos estudos elevan a 250.000. Si as cifras non están claras para o conxunto do Estado, moito menos para a comarca ou a provincia. Un estudo do 2014 estimou que as defuncións na provincia de Ourense por problemas respiratorios entre agosto de 1918 e abril de 1919  foron de 145 por cada 10.000 habitantes, polo que tendo en conta que a provincia tiña de aquelas 412.460 habitantes danos unhas cifras de defuncións de 5.980. Esta cifra, que de por si xa parece alta, debe ser inferior ao número total real de falecidos pola gripe do 1918, xa que si vemos a gráfica de defuncións na provincia de Ourense entre 1910 e 1930, en 1918 houbo cerca de 8.000 defuncións por riba do que era normal, sendo esta pandemia a única que pode xustificar ese aumento.

Elaboración propia basada en datos do Instituto Nacional de EstadísticaGráfica que recolle o número de falecidos na provincia de Ourense entre 1910 e 1930. | ANDRÉS DIZ

Con respecto a comarca os números son moito máis difíciles de sacar e mentres non se faga un estudo en condicións con datos do arquivo civil ou do arquivo diocesano pouco máis podemos que especular. Nun artigo de “El Nuevo Támega”, o doutor de Verín Mariano D. Amoeiro fala de 5.000 contaxios na comarca, aínda que non di de onde saca ese número. Tendo en conta que a mortalidade de este virus está calculada entre un 10 e un 20 por cento, estariamos falando de entre 500 a 1.000 defuncións pola epidemia.

Improvisado hospial en La Salle

As deficiencias sanitarias da comarca, e da provincia en xeral, serán en parte as responsables do gran número de mortes. En Verín tivo que instalarse un improvisado hospital no colexio dos Irmáns de La Salle (actual biblioteca) debido a que a vila levaba dende o 1900 sen contar cun hospital. En Laza, os veciños queixábanse ó gobernador pola falta de asistencia facultativa e inda por riba para o 19 de outubro todos os médicos da vila estaban enfermos. Foi tal a labor que tiveron que realizar os poucos médicos que non enfermaron, que en Verín realizouse unha colecta para agasallar a un deles, o doutor Juan Guerra Valdés. Este feito espertará os ciúmes do outro doutor que se mantivo en pé durante toda a pandemia, o doutor Mariano Amoeiro, que nun artigo de “El Nuevo Tamega” queixarase de que foron moitos os que arrimaron o ombreiro durante a pandemia e unicamente o doutor Juan Guerra Valdés o agasallado.

Por certo, coa suma desa colecta foille regalado a Juan Guerra Valdés a primeira máquina de raios X que houbo na comarca, dándose a paradoxa de que é posible que grazas a gripe de 1918 se teñan salvado posteriormente outras vidas na comarca.

Prensa consultada:

El Correo de Galicia, El Ideal Gallego, Diario de Pontevedra, El nuevo Támega, El noticiero Gallego, La Vanguardia, La Correspondencia de España, Diario de Galicia, El Orzán, El Regional, El Sol, El Debate, El Imparcial, La acción, El Norte de Galicia, El Progreso, ABC, El Eco de Santiago e La Región.

Bibliografía:

Chowell, G., Erkoreka, A., Viboud, C., & Echeverri-Dávila, B. (2014). Spatial-temporal excess mortality patterns of the 1918–1919 influenza pandemic in Spain. BMC Infectious Diseases, 14(1), 371. https://doi.org/10.1186/1471-2334-14-371

Ferreira, A. (2020). O Impacto da Pneumónica em Chaves. En J. A. P. Faustino (Ed.), A gripe espanhola de 1918 (pp. 85 - 116). Guimaraes, Portugal: Casa de Sarmento - Centro de Estudos do Património

I.N.E. (1922). Anuario estadístico de España año VII-1920. Imprenta de los sobrinos de la sucesora de M. Minuesa de los Ríos. Madrid

I.N.E. (1932). Anuario estadístico de España año XVI-1930. Sucesores de Sivadeneyra (S.A.) Artes Gráficas. Madrid

Simón Lorda, D. (2001) La epidemia gripal de 1918 en Ourense. Minius (IX), 85 - 96.

Simón Lorda, D. (2018). La «grippe» de 1918 en Ourense (y el dr. Gumersindo Parada Justel). Recuperado 24 de abril de 2020, de https://diariodeunmedicodeguardia.blogspot.com/2018/11/la-grippe-de-1918-en-ourense-y-el-dr.html

Somoza Medina, J. (2001) Desarrollo urbano en Ourense. Tesis de Doutoramento inédita. Universidad de Santiago de Compostela

5.000 infectados na comarca... pola Gripe Española