O campus de fútbol do Atlético de Madrid comeza mañá, sábado, no campo das Carrelas, en horario de 9:30 horas a 14:00 horas. Viana é unha das 18 localidades elixidas por Gestlab Sport e a Academia do Atlético de Madrid para acoller a súa escola deportiva de verán.
“O obxectivo destes campus é educar e formar, a través do fútbol, en valores a nenos e mozos en idade escolar”, explica a promotora do campus. O campus está dirixido a rapaces de entre 5 e 16 anos. E en Viana desenvolverase desde mañá até o próximo día 9, xoves.
Hai un punto de información, en Pinchacarneira Ocio, no número 27 da Travesía Liberdade. E servizo de autobús desde O Barco e A Rúa.
Ao remate do campus, o cadro técnico ofrecerá unha valoración de cada participante, que recibirá o seu diploma e unha equipación do campus entre outros agasallos.
A actividade tamén conta cun protocolo covid moi estrito, que empeza por distribuír aos participantes en grupos reducidos. A organización informa de que “de se confirmar un caso de covid entre os alumnos ou familiares, cancelarase a actividade do grupo”.
En Galicia, ademais de Viana, o campus ofrece formación nas localidades de Santiago de Compostela, Sanxenxo e Ribadeo.