Preto de 40 grupos procedentes de diferentes provincias de España, Italia e Portugal encherán de tradición as rúas de Viana do Bolo e Vilariño do Conso durante esta fin de semana dos días 19 e 20 de marzo, coa celebración da VII edición do Festival Internacional ViBoMask Mascarada Ibérica.
Este festival multicultural e internacional que cada ano amplía o seu programa de actividades, inclúe nesta edición o ViBoMarket e o ViBoMusic, converténdose así nun motor económico para o tecido empresarial dos dous territorios organizadores, Viana do Bolo e Vilariño de Conso. Os preto de 40 grupos participantes nesta sétima edición proceden de España: Ourense, A Coruña, Lugo, Pontevedra, Asturias, Castela e León, Castela A Mancha, País Vasco; de Portugal: Bragança e Viseu; e de Italia: Sardeña.
Programación
As actividades desta edición comezaron xa este venres, 18 de marzo, en Viana do Bolo, ás 11:30 horas cunha conferencia que baixo o título "Unha ollada antropolóxica" tivo lugar no IES Carlos Casares. Dende hoxe tamén se pudo visitar a exposición sobre o Entrudio de Viana do Bolo na propia sala de exposicións do Concello. Ás 20:00 horas estaba previsto que comezará a foliada polas rúas de Viana con diferentes grupos de música.
Este sábado 19 de marzo, o Festival continuará en Viana do Bolo onde, ademais de continuar aberta a exposición, a partir das 11:30 horas inaugurarase "ViBoMarket", o mercado de produtos artesanais locais que estará ubicado na rúa Ceferino Armesto e a rúa das Mazairas. A música chegará coa sesión vermú ás 12:30 horas, e o desfile desta edición de Mascaradas Ibéricas terá lugar a partir das 16:30 horas. Por último, ás 20:00 horas haberá actuacións musicais na Praza Maior, que continuará co "ViBoMusic" a partir das 22:00 horas.
O último día do festival, o 20 de marzo, as actividades trasladaranse ata Vilariño de Conso onde a partir das 10:00 horas abrirá o "ViBoMarket" no campo do fútbol do municipio. E, a partir das 11:30 horas, celebrarase o esperado desfile de Mascaradas Ibéricas. Pola tarde, continuará a programación, pero no Concello de Viana do Bolo, ás 17:30 horas, coa representación da obra “A viaxe de José do Campo: unha historia musical dende O Courel ata Nova Orleáns”.