sábado. 20.04.2024
Juanjo Vilachá, na presentación desta tarde. | FOTO: Iván Iglesias.
Juanjo Vilachá, na presentación do corpo técnico o pasado 27 de xullo. | FOTO: Iván Iglesias.

O Verín de Juanjo Vilachá debuta mañá (18:00 horas, no José Arjiz, coa arbitraxe de Domínguez González) cun derbi ante o Atlético Arnoia, descendido a tempada pasada de Terceira e cun adestrador que foi futbolista do Verín, Adrián Padrón. 


“É un equipo moi afianzado, que mantén o bloque do ano pasado e cun proxecto pensado para ascender. Supoño que lle custará adaptarse a un novo estilo, o do novo adestrador”, opina Vilachá do rival, ao que ascendeu hai un par de tempadas.


O obxectivo en Verín é precisamente ese. “Presión? Ben, cando Juan Carlos Francisco, o presidente,  di que o obxectivo é ese, ou aceptas ou non aceptas. Sei que o Verín vai a estar arriba. Seguro. E o Verín quere o ascenso. Imos sen medo. Dependerá de canto e o ben que adestremos, de manter cohesionado o grupo, e dun pouco de sorte, claro”, explica o adestrador.


Na primeira convocatoria estarán ausentes Peru e Brais, con molestias, e Aitor, cunha lesión grave que o terá meses apartado do fútbol. A lista inclúe a todos os dispoñíbeis. Entre eles, Isi, Senén Germán, Martín Torres, Sergio e Hugo García, os principais reforzos esta tempada e que apuntan cara á titularidade.


“Foi unha pretempada longa, empezamos o 1 de agosto e penso que sumaremos 40 sesións de adestramento nestas seis semanas”, indica Juanjo Vilachá. “Pero non só levamos carga de traballo, creo que a calidade dos adestramentos foi boa, por iso estou tranquilo. Mañá a resposta do equipo vai ser boa”.


Vilachá analiza o Grupo Sur e sinala outros dez candidatos ao ascenso: “Está o Arnoia e tamén o Barbadás, que trae unha inercia competitiva moi boa, e ademais é moi forte no seu campo. Están tamén o Porriño Industrial, o Céltiga, o Ribadumia, o Umia e o Atios. E o Portonovo, que se reforzou moi ben. E vexo con posibilidades ao Juvenil de Ponteareas e ao Cultural Areas. O Pontevedra B é unha incógnita, pero por calidade dos xogadores debería estar arriba. Son moitos, si... e sempre hai algunha sorpresa”.


A primeira xornada de Liga no Grupo Sur de Preferente complétase cos seguintes partidos: Pointeareas-Cambados; Porriño Industrial-Barbadás; Vilalonga-Pontellas; Valadares-Moraña; Atios-Portonovo; Beluso-Rácing Castrelos; Antela-Pontevedra B; Céltiga-Ribadumia; e Umia-Cultural Areas. Este último choque abrirá a competición mañá ás 12:00 horas. O próximo rival do Verín será  o Pontellas, a quen visitará no campo de San Campio o domingo 18.

FÚTBOL PREFERENTE | Verín, sen medo e moito traballo