sábado. 20.04.2024
Os Mallos. Verín (FILEminimizer)
Festa dos Maios en Verín. | FOTO: Concello de Verín.

O Concello de Verín publicou as bases para a concentración non competitiva de maios tradicionais, artísticos ou -só para o alumnado de Infantil- feitos con refugallos. Os maios participantes colocaranse no Parque da Alameda, o día 1 de maio, nos lugares que a organización determine, desde as 10 da mañá até que remate a festa. Nesta edición, a recadación pola edición das coplas destinarase á axuda a Ucraína.


O prazo de inscrición nas oficinas da Casa do Concello para centros de ensino, institucións e asociacións da comarca de Verín estará aberto até o día 25 de abril. Os maios artísticos e enxebres terán que ir recubertos na súa totalidade con elementos naturais (xestas, carrabouxos, flores, madeiras...). Os maios do alumnado de Educación Infantil, exteriormente, utilizarán materiais de refugallo.


Aos centros de ensino, polas características específicas das comunidades educativas, entregaráselle unha cantidade en metálico de 200 €, que será de 250 euros se o centro presenta, ademais do maio artístico ou tradicional, un maio feito por alumnado de Educación Infantil.


As coplas serán elaboradas polos grupos participantes. Cada copla non terá menos de 16 estrofas de catro versos nin máis das que, nunha tipografía lexíbel, se poidan reproducir nun DIN A4 impreso a unha cara


O colectivo redactor responsabilízase da autoría do texto. O Concello, que non realizará ningunha revisión do texto previa á impresión (agás que o colectivo redactor o solicite expresamente), aconsella que se coide tanto a estrutura literaria como a corrección idiomática.

Das coplas farase unha edición única e conxunta, de 800 exemplares, con obxectivos culturais e sociais. 

O texto enviarase ao mail [email protected] antes das 12 horas do xoves día 27 de abril. Farase unha edición única e conxunta con obxectivos culturais e sociais. 


As doazóns que se recaden no reparto de 800 exemplares destinaranse ao financiamento do programa da UNICEF - Emergencia en Ucrania, para o que animamos ás persoas que queiran colaborar a faceren doazóns por transferencia bancaria nas contas: ES65 0182 2370 41 0010033337 (BBVA)  e ES84 2100 5731 70 0200224381 (CaixaBank).

NOTICIAS VERÍN | O Concello de Verín destinará a recadación dos maios a axudar a Ucraína