Sábado. 02.07.2022
O cantautor limiao presenta unha reivindicación do rural galego desde a música pop

NOTICIAS VERÍN | Antonio Luz lanza hoxe en Internet o seu disco 'Paraíso das Airas'

Antonio Luz 1
Antonio Luz.

Antonio Luz é un músico limiao, nacido en Sarreaus, que se asentou en Madrid e elabora as súas composicións desde a mestura de dúas tradicións culturais: a da música galega e a do flamenco. Hoxe, 21 de abril, lanza en Internet o seu novo disco: Paraíso das Airas.

 

“É un disco galego, interpretado en galego e cunha temática galega, unha reivindicación do rural. Alí me criei, alí tiven o meu primeiro contacto coa música, e o que pasa no noso rural interésame e preocúpame. Pero tamén é un disco flamenco, en canto que este é un mundo que sempre me resultou atractivo. E afondei nesa tradición, e descubrín puntos en común. Musicalmente non estamos moi lonxe. Por exemplo, na estrutura das cancións, o flamenco son coplas soltas, como as nosas cantigas”, di Antonio Luz en conversa telefónica co Diario do Limia.

 

En Sarreaus, e despois en Vigo, Antonio Luz aprendeu a tocar a gaita, o seu primeiro instrumento. En Sarreaus foi compoñente da banda de gaitas. Despois veu a guitarra. E o traslado de Vigo a Madrid, unha praza grande do flamenco. Desde alí compuxo Entroido' no 2019, unha peza na que incorpora a rumba. Pouco despois presentou 28 Besos, o seu primeiro LP. Chegou a pandemia e todo se parou.

 

“Non hai moita programación de concertos, pero pouco a pouco a cousa vai mellorando”, di Luz, que ten ganas de volver a tocar no país. Antes de que remate o curso escolar ten medio acordado vir a Xinzo. “Serán dúas xornadas de convivencia, máis que concertos, con escolares dos colexios Rosalía e Carlos Casares. Está case pechado co Concello e loxicamente faime moita ilusión”. A última vez que actuou en Xinzo foi no Aladino.

 

Paraíso das Airas, explica o cantautor, e unha reivindicación da vida e o sentir do rural. Mais non desde a música tradicional, senón desde o pop. Hai temas cun aire costumista, como Do Rural, e ritmos urbanos con toques de electrónica como Non me Toques o Xe, unha defensa da lingua cuxo adianto en forma de videoclip xa foi un éxito.

 

Paraíso das Airas, explica o cantautor, e unha reivindicación da vida e o sentir do rural. Mais non desde a música tradicional, senón desde o pop.

 

Os videoclips, realizados con xente de aquí, foron unha forma de manter o contacto co país. Soidade gravouse na fermosa biblioteca do Instituto Celso Emilio de Celanova, Amañecer no Camiño, en Ourense; Sergio Pazos foi o protagonista en O Perdido na Arca da Noe; e Do rural tomou escenarios de Sarreaus.

 

Antonio Luz 4
Portada do disco 'Paraíso das Airas', dispoñíbel desde hoxe nas redes.

Paraíso das Airas está dispoñíbel desde esta mesma mañá nas plataformas dixitais. Para Antonio Luz, que se define polos seu gusto ecléctico (desde Paco de Lucía a Freddie Mercury, pasando por Javier Ruibal ou Joaquín Sabina), o disco é “un convite á identificarnos co rural, co noso”. En breve, en vivo, en Xinzo.

 

Antonio Luz 3
Antonio Luz.
 

NOTICIAS VERÍN | Antonio Luz lanza hoxe en Internet o seu disco 'Paraíso das Airas'
comentarios