jueves. 25.04.2024
Presentación da cuarta edición das xornadas de novela negra en Verín
Presentación da cuarta edición das xornadas de novela negra, co alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e a concelleira da área de Educación Cultura e Festexos, Emilia Somoza, esta mañá en Verín. | FOTO: Concello de Verín.

O Auditorio de Verín acollerá, durante os días 3 e 4 de xuño, a cuarta  edición das súas xornadas de Novela Negra Personaxes de Novela, nas que se combinarán o mundo de ficción das novelas e o real con personaxes verdadeiros que normalmente aparecen nas narracións deste xénero literario.

Esta mañá tivo lugar a presentación do programa oficial na Biblioteca Municipal de Verín, na que participaron o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e a concelleira da área de Educación Cultura e Festexos, Emilia Somoza.

Desde o Concello de Verín quixeron felicitar aos organizadores por dar continuidade a unha proposta “tan completa e atractiva” e realizaron un chamamento aos amantes deste xénero a achegarse a vila do Támega e gozar desta programación de “primeiro nivel”.

As xornadas Personaxes de Novela, organizadas pola Biblioteca do Concello de Verín teñen por obxectivo dar unha visión real sobre as personaxes que nelas normalmente aparecen. Para iso, Verín contará coa presenza de reputados escritores  e profesionais que falarán en profundidade sobre moitas das claves deste xénero literario.

Devanditas xornadas  serán coordinadas e dirixidas polo xuíz e escritor Xosé Antón Vázquez Taín, e contarán con Enrique León Calviño, ex comisario de Vilagarcía; Víctor Souto, Comandante Guardia Civil e Xefe Secc. Homicidios, Secuestros e Extorsións (UCO); Iria del Río Tajes, médica Forense do IMELGA de Pontevedra; a escritora Arantza Portabales que impartirá a conferencia sobre como construír unha trama; Alejandro Corral, escritor aragonés, autor de La dama del Prado; e Xoaquín Fernández Leiceaga, falando tamén da súa última novela Baixo as alas de abril.

Celebrarase ademais unha mesa redonda onde participarán tódolos intervintes. Así mesmo, as IV Xornadas de Novela Negra serán presentadas por Lorena Carnero e Daniel Carnero, voluntarios da Biblioteca do Concello de Verín. Tamén participarán Noelia Gallego (voluntaria da Biblioteca de Verín) moderando a conferencia de Alejandro Corral, Inés García (voluntaria da Biblioteca de Verín), moderando a conferencia de Arantza Portabales, Fernando Serrulla (Médico forense), moderando a conferencia de Iria del Río, e Miguel Losada (antropólogo), moderando a conferencia de Xaquín F. Leiceaga.

As xornadas teñen por obxectivo dar unha visión real sobre as personaxes que nelas normalmente aparecen. 

Para acudir ás IV Xornadas de N-N será preciso retirar entrada na Biblioteca do Concello de Verín ou pode facerse por transferencia bancaria ABANCA: ES83 2080 5168 1431 1001 4324, débese enviar un mail á conta [email protected] có xustificante de ingreso e nome e apelidos dos asistentes, o día ou os días para os que se quere as entradas.

Segundo explicaron desde a organización esta medida busca un doble obxectivo. Por unha banda, evitar a retirada a entradas sen ter a certeza absoluta de acudir ao evento, que conleve a que xente realmente interesada quedase sen as citadas entradas; e por outra, conseguir unha colaboración simbólica coa Biblioteca Pública Municipal do Concello de Verín e as súas actividades de fomento á lectura.


O PROGRAMA

 

Venres


12:00 horas AS MENTIRAS DA DROGA
Intervención: Enrique León Calviño.
Ex comisario Vilagarcia de Arosa. Membro da Fundación Galega contra o Narcotráfico. 
Acompaña na mesa: Miguel Losada. (Só Centros Ensino).

19:30 h. Inauguración.

19:35h. ENCAIXANDO PEZAS
Intervención: Víctor Souto Fdez.
Comandante Garda Civil - Xefe Secc. Homicidios, Secuestros e Extorsións (UCO)
Acompaña na mesa: Xuíz Vázquez Taín.
    
20:20 h. VIOLENCIA CONTRA A MULLER. VÍTIMA E VITIMARIO.
Intervención: Iria del Río Tajes. 
Médica Forense, Subdirectora territorial do IMELGA Pontevedra
Acompaña na mesa: Xuíz Vázquez Taín e o Forense Fernando Serrulla 

Sábado

18:00 h. A ATRACCIÓN DA ESCRITURA DUNHA NOVELA NEGRA.
Intervención do profesor e escritor Xoaquín Fernández Leiceaga.
Acompaña na mesa: Miguel Losada e o Xuíz Vázquez Taín.

18:30 h. ENIGMAS, MISTERIOS E RAREZAS NO PRADO E NO MUNDO DA ARTE.
Intervención do escritor Alejandro Corral.
Escritor presenta "La dama del Prado“.
Acompaña na mesa: Noelia Gallego e o Xuíz Vazquez Taín.

19:00 h. COMO SE DESTRÚE UNHA NOVELA NEGRA.
Intervención: Arantza Portabales.
Escritora presenta: "A vida secreta de Úrsula Bas”
Acompaña na mesa: Inés García e o Xuíz Vazquez Taín.
 
19:40 h. Mesa redonda dirixida por Rafa Cid.
Director C.T. RTVE GALICIA. Participan: Enrique León, Vazquez Taín, Víctor Souto, Iria del Río, Alejandro Corral e Arantza Portabales, Xaquín F. Leiceaga.

20:40 h. Fin das IV Xornadas de Novela Negra e Sinatura libros.
 

Arantza Portabales e Xaquín F. Leiceaga, nas xornadas de novela negra de Verín