
Dende este xoves 3 de marzo estarán dispoñibles as entradas para as V Xornadas de Novela Histórica "Novas Miradas na Novela Histórica”, que se celebrarán os días 25 e 26 de marzo no Auditorio de Verín. As entradas para cada día teñen un prezo simbólico de 2 euros, co que se pretende evitar o acontecido o pasado ano, no que se reservaban pases que máis tarde non se facían efectivos e quedaban cadeiras baleiras no auditorio.
Todo o recadado será destinado ao fondo bibliográfico da Biblioteca e o conxunto de actividades para o fomento á lectura.
As entradas poden adquirirse na propia Biblioteca Municipal, e os días 25 e 26 no propio Auditorio de Verín. Tamén se habilitou unha conta bancaria (ABANCA: ES83 2080 5168 1431 1001 4324) para que realicen transferencia todos aqueles que non podan acudir á Biblioteca de Verín, debendo enviar por mail á conta [email protected] o xustificante dese ingreso e o nome e apelidos. As entradas pagadas por este método estarán ao dispor dos interesados no auditorio de Verín os días das xornadas de Novela Histórica.
Os autores e autoras que participarán este ano son Lorenzo Silva (Premio Planeta 2015), María Zabay, Víctor F. Freixanes (Presidente da Real Academia da Lingua Galega -RAG-), José Calvo Poyato, Alberte Blanco Casal e José Luis Corral. Todas as xornadas estarán amenizadas polo chelo do profesor do IES Taboada Chivite, David Rodríguez Rivada.
Toda a información sobre as V Xornadas de Novela Histórica tamén está no seguinte enlace: www.novhis.bibliotecadeverin.es