O candidato do Partido Socialista de Chaves, Nuno Vaz, resultou gañador con maioría dos comicios electorais municipais de onte día 26. As sondaxes daban como triunfador ao socialista aínda que, tal e como expresaba a este medio, "independentemente das estimacións, esa vantaxe é relativa, todo pode cambiar e veremos o que ocorre no día de hoxe", dicía, precavido.
O que ocorreu foi que as previsións se cumpriron e o xa reelixido presidente da Cámara Municipal non escondía a súa satisfacción ao remate do escrutinio, acompañado por decenas de seguidores na praza General Silveira, lugar onde horas antes exercera o seu dereito a voto. "É un orgullo, unha satisfacción e unha responsabilidade. Son os mesmos sentimentos que tiven hai catro anos, queremos mirar cara o futuro e imos representar como ata agora a todos os nosos veciños, a todos os nosos amigos de Chaves, tanto aos que nos votaron como aos que non", contaba, emocionado.
Vaz comeza este segundo mandato cunha gran vantaxe sobre os seus adversarios, con máis do 54% dos votos fronte ao case 37% da coalición Chaves Primeiro de Francisco Tavares; cun propósito claro. "O meu compromiso ata finais deste ano é abrir as termas romanas e adxudicar as piscinas descubertas de augas termais", contaba mentres agradecía o apoio dos seus votantes. "Para todos os que dicían que estaba axustado, esta é a resposta dos flavienses".
Mentres, o director de campaña do seu principal perseguidor, Vítor Pimentel, mostraba a súa decepción. "Non son os resultados que nós esperabamos pero o pobo é soberano e temos que aceptalo. Non obstante, teño que resaltar os magníficos resultados que acadamos, cunha vitoria histórica en Santa María Maior e tamén unha saborosa en Soutelo e Seara Velha".
Resultados da Cámara Municipal de Chaves.