Venres. 29.03.2024
Así o anunciou o seu presidente Nuno Vaz, este luns, en comparecencia de prensa

A Câmara Municipal de Chaves suspende a celebración da Feira dos Santos 2020

Os novos gromos da COVID a un e outro lado da fronteira veñen de deixar a unha grande parte da poboación lusa e galega sen unha das citas comerciais e lúdicas máis representativas do norte de Portugal, a Feira dos Santos. O presidente da Câmara Municipal de Chaves, Nuno Vaz, anunciou este luns que a edición do 2020 quedaba suspendida. 

Vitor Pimentel (presidente da ACISAT), Nuno Vaz (presidente da Câmara Municipal de Chaves) e o doutor Gustavo Martins, no anuncio da suspensión. | FOTO: SinalTV.
Vitor Pimentel (presidente da ACISAT), Nuno Vaz (presidente da Câmara Municipal de Chaves) e o doutor Gustavo Martins, no anuncio da suspensión. | FOTO: SINALTV.

Ante a situación de pandemia declarada pola Organización Mundial da Saúde e en liña coas recentes medidas adoptadas polo Goberno de Portugal no sentido de mitigar os efectos da COVID - 19, a Câmara Municipal de Chaves, a ACISAT -Asociación Empresarial do Alto Tâmega-, a Unidade de Saúde Pública do Alto Tâmega e a Policía de Seguranza Pública decidiron cancelar a edición de 2020 da Feira dos Santos que todos os anos se celebraba nos últimos días do mes de outubro e o primeiro de novembro.

A decisión, acordada por unanimidade, baséase na coidada análise da evolución nacional, rexional e local da  COVID-19, que neste momento, din os organizadores, "non permite prever a data na que serán minimizadas as restricións actualmente vixentes en materia de organización de eventos públicos".

Nese sentido, as entidades organizadoras consideran que a seguridade da poboación debe ser a máxima prioridade e entenden que, polas razóns aducidas, non se reúnen as condicións sanitarias para, de forma responsable, manter a programación da edición 2020 da Feira dos Santos.

No seguinte vídeo -cortesía de SINALTV-, os presidentes da Câmara Municipal de Chaves e da ACISAT, explican os motivos, xa coñecidos, que os levaron a tomar esa decisión. 
 

A Câmara Municipal de Chaves suspende a celebración da Feira dos Santos 2020