domingo 20.10.2019
Hoxe faranse públicos os nomes dos 20 estudantes seleccionados para viaxar

O IES Taboada Chivite elexido para participar no programa europeo Erasmus+

Entre as 429 solicitudes presentadas ó programa no territorio español, o proxecto do instituto verinés foi escollido polo Servicio Español para la Internacionalización de la Educación pola súa aposta por unha escola de igualdade e inclusiva. Os estudantes permanecerán entre 5 e 7 días en centros educativos de Finlandia, Italia, Hungría e Portugal. E viceversa, 20 alumnos dos países colaboradores chegarán para estudar no instituto verinés. Un grupo de profesores do centro leva traballando dende o curso pasado no proxecto que se desenvolverá ó longo dos anos 2020 e 2021.

O director do centro, César Sánchez, nas xornadas de formación Erasmus+ celebradas en Cuenca.
O director do centro, César Sánchez, nas xornadas de formación Erasmus+ celebradas en Cuenca.

O IES Xesús Taboada Chivite está de noraboa, vén de ser escollido para desenvolver o proxecto que levan tempo preparando para o seu alumnado ó abeiro do programa Europeo Erasmus+. E non é para menos, foron seleccionados entre 429 solicitudes presentadas. Agora, contan cun presuposto asignado pola Comisión Europea, que lles permitirá facer realidade accións en prol dunha escola inclusiva e de igualdade xunto cos seus socios de centros educativos de Finlandia, Italia, Hungría e Portugal.

Esta tarde, ás 20:15h, haberá unha reunión no Salón de Actos do instituto coas familias do alumnado para anunciar os nomes dos 20 estudantes seleccionados para viaxar. Unha selección que non foi sinxela. O programa pensouse para alumnado de 3º e 4º da ESO. Os estudantes tiveron que cubrir  un cuestionario con varias preguntas, escribir unha carta de motivación e facer unha actividade sobre si mesmos en inglés. O equipo de profesores elaboraron un baremo do que saíron 20 alumnos, quedando outros nunha situación de reserva. Durante a xuntanza, os estudantes poderán elexir a que país queren viaxar.

O Centro está moi orgulloso desta selección, será unha experiencia gratificante para os dous próximos anos

O proxecto presentado polo IES Xesús Taboada Chivite denomínase “My School Agent of Solidarity” e desenvolve accións en prol dunha escola inclusiva e de igualdade. Un grupo de profesores comezou, xa no curso pasado, a traballar nel para poder presentalo a finais de curso. Foi no verán cando o centro obtivo unha resposta positiva, confirmándolles a selección do seu proxecto para o programa Erasmus+.

É de subliñar a dificultade dos centros educativos para obter o programa europeo. Das 429 solicitudes presentadas só se seleccionaron 209 en todo o territorio español. En Galicia foron 36 proxectos: 20 en A Coruña, 4 en Lugo, 4 en Ourense e 8 en Pontevedra. SInala César Sanchez, Director do instituto, que "Dos catro de Ourense, tres son de centros da cidade de Ourense, polo tanto, máis mérito para o noso centro e para a nosa comarca. Así que, o traballo que fixemos este grupo de profesores tivo a súa recompensa".

E agora que?

O centro conta con presuposto para organizar o programa, que abarcará os dous próximos
cursos académicos; dous mestres e 5 alumnos de cada vez viaxarán a un dos países
colaboradores
cunha estadía de 5 a 7 días por país. Durante a mesma os e as estudantes realizarán actividades co alumnado dos centros educativos de Finlandia, Italia, Hungría e Portugal; terán a oportunidade de embeberse dun sistema educativo diferente, coñecendo novas formas de vida, comunicándose en inglés e desfrutando de visitas culturais.

Logo de tanto traballo para crear o proxecto, tamén os profesores se beneficiarán da concesión do Erasmus+. O programa contempla tres encontros de mestres. O primeiro celebrouse en Finlandia no pasado mes de setembro e a el asistiron Josefa Pérez Rolán, Vicedirectora do centro, e Lucía Rúa López, Orientadora. En maio do vindeiro ano o IES Xesús Taboada Chivite será o centro acolledor; un ano despois o encontro terá lugar en Hungría. O propio director do instituto, César Sánchez, participou nas Xornadas de Formación sobre o Erasmus+ celebradas en Cuenca.

Erasmus+ -FinlandiaJosefa Pérez Rolán, vicedirectora do instituto verinense, e Lucía Rúa López, orientadora do Xesús Taboada Chivite, no primeiro dos encontros de mestres co centro finlandés.

Proveito para toda a comunidade educativa

É verdade que o alumnado seleccionado benefíciase cando viaxa ós países socios do programa, pero todo o estudantado poderá participar nas actividades programadas cando o IES Xesús Taboada Chivite sexa o anfitrión e todos manterán contacto cos 20 mozos e mozas estranxeiros. E non somentes no horario lectivo, tamén terán a posibilidade de afianzar amizades durante o resto da xornada xa que o alumnado estranxeiro será acollido por familias dos estudantes de Verín.

César Sánchez, Director do Instituto está convencido de que toda a comunidade educativa se pode ver beneficiada. "O contacto con sistemas educativos diferentes ao noso pode facer que sempre se poida incorporar algo, como tamén eles poden incorporar algo noso, xa que en temas de inclusión, atención á diversidade e convivencia estamos traballando continuamente con programas activos destacando a Titoría Entre Iguais".

Erasmus+ é un programa da UE para apoiar á educación, á xuventude, á formación e ao deporte en Europa

Son 8 os profesores e profesoras que traballan directamente no programa, pero todo o centro educativo está implicado. En palabras de César Sánchez: "Aprenderemos todos da mesma: alumnado, profesorado, persoal non docente e familias. O centro está moi orgulloso desta selección".

O IES Taboada Chivite elexido para participar no programa europeo Erasmus+
comentarios