viernes. 19.04.2024
Con motivo do acontecemento activarase un dispositivo de seguridade

O domingo Verín acollerá a Melchor, Gaspar e Baltasar na tradicional Cabalgata de Reis

Este domingo, 5 de xaneiro, chegan os Reis Magos a Verín e para garantir a seguridade dos asistentes activarase un dispositivo especial para a cabalgata e a posterior gala. A partir das 17:00 horas, Melchor, Gaspar e Baltasar percorrerán as rúas de Verín para rematar no Pavillón Municipal de Deportes.

CABALGATA
Os asistentes na Gala do 2019. | FOTO: Concello de Verín.

Melchor, Gaspar e Baltasar chegan a Verín o domingo, 5 de xaneiro, a partir das 17:00 horas e as rúas da vila acollerán a tradicional Cabalgata dos Reis Magos de Oriente. Con anterioridade, acudirán a Residencia de Anciáns Santa María para entregar presentes ás persoas maiores residentes.

Co fin de continuar coa liña en materia de seguridade e autoprotección en eventos que conten cunha gran afluencia de público asistente, a Concellería de Seguridade Cidadá, tráfico e Protección Civil do Concello de Verín prepararon un dispositivo de seguridade especial para o acontecemento. O obxectivo é evitar posibles incidentes e actuar con eficacia e rapidez ante calquera posible emerxencia, por iso se elaborou dun xeito coordinado entre os diferentes equipos de emerxencia, un plan de autoprotección dende o comezo ata o final.

O obxectivo é evitar posibles incidentes e actuar con eficacia e rapidez ante calquera posible emerxencia.

A cabalgata iniciará o seu percorrido na Casa do Escudo e tras percorrer a avenida Luís Espada, rúas Deputación e Irmáns Moreno, concluirá a súa viaxe no Pavillón Municipal de Deportes onde terá lugar unha gala, na que participarán os cativos, e se repartirán agasallos entre todos os nenos e nenas. Dende a organización do dispositivo de seguridade recomendan que o público non se achegue á carroza para evitar posibles accidentes e alertan de que se irá cortando progresivamente o tráfico rodado co avance da Cabalgata.

REIS 2018 VERINOs Reis Magos percorrerán as rúas de Verín este domingo. | FOTO: Concello de Verín.

Tras realizar o percorrido polas rúas de Verín, as súas Maxestades os Reis Magos de Oriente sentaranse no escenario principal do Pavillón Municipal de Deportes, que estará situado no fondo da pista do pavillón. Poderá accederse a este pola porta principal -rúa Irmáns Moreno- e pola porta lateral -rúa José Santamaría- e haberá un aforo limitado non superior ás 2.500 persoas, polo que se recomenda que só acuda un adulto por cativo, para así facilitar o acceso ó máximo número de menores de idade. Para o público asistente haberá habilitadas dúas zonas. A zona de pista; para persoas con mobilidade reducida, pais e nais que veñan con carrito de bebé e, se sobra espazo, para aqueles que o desexen, e a zona de grada; para o público en xeral.

Haberá un aforo limitado non superior ás 2.500 persoas, polo que se recomenda que só acuda un adulto por cativo para así facilitar o acceso ó máximo número de menores de idade.

A apertura das portas será ás 17:15 horas. O público que acceda recibirá unha invitación, na propia entrada, co fin de controlar o aforo dun modo exacto, que polo xeral, ano tras ano, se completa.Tras a entrega dos agasallos por parte dos Reis Magos, as persoas que salgan do recinto non poderán volver a entrar ó mesmo. O persoal que traballará para que todo transcorra sen incidentes, alerta de que no interior do pavillón, os corredores e as escaleiras deben quedar sempre libres, pois son vías de evacuación.

Neste dispositivo haberá uns 20 efectivos conformados por Policía Local e Protección Civil do Concello de Verín. Ditos efectivos contarán cunha ambulancia cedida pola Empresa Ambulancias Sil para o dispositivo especial de seguridade.

Con estas medidas, o Concello de Verín quere velar pola seguridade de todas as persoas que acudan á visita de Melchor, Gaspar e Baltasar.

O domingo Verín acollerá a Melchor, Gaspar e Baltasar na tradicional Cabalgata de Reis