A viúva e fillo de Raúl Fernández, así como o resto da familia, están a comprobar, lamentablemente, nestas horas a simpatía que durante os seus anos de vida xenerou o exalcalde de Castrelo do Val e actual deputado autonómico. Ás mostras de afecto da sociedade verinense e de toda a comarca engadíronse as dos seus correlixionarios de partido, e de todos aqueles que, sen selo, souberon ver nel a súa capacidade de traballo, loita e diálogo, propia "dun home bo e xeneroso", como non deixaban de lembrar.
Representantes de todas as formacións con presenza na cámara autonómica se deixaron ver polo tanatorio La Paz do Polígono Industrial de Pazos para acompañar nestes dolorosos momentos aos achegados do veterano político verinense. Además de compañeiros e excompañeiros do PSdeG - PSOE, como Francisco Fraga, María Quintas ou Fernández Leiceaga, tamén presentaron as súas condolencias veteranos políticos socialistas como o que fora conselleiro de Interior do Goberno vasco, Rodolfo Ares Taboada ou tamén ourensán "Pachi" Vázquez. Gonzalo Caballero, o secretario xeral do PSdeG e o seu homólogo na provincia, Rafael Rodríguez Villarino, tamén acompañaron á familia nestes momentos. Ao igual que o rexedor local, Gerardo Seoane Fidalgo -amigo da familia- ou o senador por Ourense, tamén verinense, Juan Carlos Francisco.
Durante toda a xornada, o tanatorio La Paz rexistrou unha incesante afluencia de persoas querendo acompañar neste trance á familia de Raúl Fernández. | FOTO: MANU SAN MARTINO
A voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, acudíu acompañada da ourensana Noa Presas, tamén deputada na cámara autonómica, e mesmo a media tarde a familia do finado Raúl Fernández recibíu a visita do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen acudíu acompañado, entre outros, por compañeiros de partido como a alcaldesa de Oímbra e deputada provincial, Ana María Villarino Pardo.
Tamén estivo moi perto da familia o actual rexedor de Castrelo do Val, Vicente Gómez, amigo persoal de Fernández Fernández e sucesor nas responsabilidades do Executivo local do municipio.
Ao longo da mañá deste sábado -segundo dos dous días de loito oficial declarado pola Corporación municipal en pleno extraordinario este venres-, as portas do velorio La Paz estarán abertas para todos aqueles que aínda non se achegaron a presentar os seus respectos a unha familia abatida pola dor da perda do coñecido e moi querido político. O seu funeral terá lugar ás catro da tarde na igrexa parroquial de Castrelo do Val.