O Concello de Castrelo do Val decreta tres días de loito oficial polo falecemento do seu alcalde, Vicente Gómez García, acontecido este xoves aos 72 anos. Como mostra de respecto, as bandeiras da Casa do Concello ondean xa a media asta durante o período de loito oficial.
Mentres, continúan as mostras de pesar entre a veciñanza e representantes políticos da comarca, que desde primeira hora deste venres se achegan ao tanatorio novo de La Paz, no polígono de Pazos, en Verín, onde están sendo velados os restos mortais do rexedor.
Ás mostras de pesar sucedidas desde que se coñeceu a noticia sumouse este venres o PSdeG-PSOE de Ourense, que expresou a súa "fonda dor" polo falecemento do alcalde e trasladou o seu pésame á familia, ás amizades, á Agrupación Socialista de Castrelo do Val e a toda a veciñanza do municipio.
Os socialistas ourensáns cualifican a Vicente Gómez como "un referente do municipalismo socialista ourensán" e destacan a súa dedicación ao servizo público, lembrando unha traxectoria política iniciada a finais da década dos oitenta e marcada polo compromiso co desenvolvemento do rural, a defensa dos servizos públicos e a mellora da calidade de vida da cidadanía. Ademais de alcalde desde 2005, tamén desempeñou responsabilidades como deputado provincial.
No comunicado, o secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila, salienta "a súa calidade humana, o seu compañeirismo e a súa permanente disposición para colaborar co partido e cos seus compañeiros e compañeiras", asegurando que "o seu legado permanecerá na memoria do socialismo ourensán e de todas as persoas que compartiron con el anos de traballo e compromiso coa veciñanza".
Co decreto de tres días de loito oficial, Castrelo do Val rende homenaxe ao alcalde que liderou o Concello durante máis de dúas décadas e que deixa unha fonda pegada na vida política e social do municipio.
