jueves. 25.04.2024
A "furgoteca" chegou este mércores a Trasmiras, a ´sua primeira parada na provincia. | FOTO: Noelia Caseiro.
A "furgoteca" chegou este mércores a Trasmiras, a ´sua primeira parada na provincia. | FOTO: Noelia Caseiro.

A Xunta impulsa un novo servizo cultural que chegará a varios concellos da comarca. A "furgoteca" é unha biblioteca móbil que achegará á veciñanza a súa selección de libros, revistas e outras prestacións. A súa primeira parada será mañá en Castrelo do Val, para seguir a próxima semana un intinerario que a levará o martes ata Vilardevós e o xoves a Oímbra.

Este servizo estreouse este mércores en Trasmiras, xa que a "furgoteca" desprazarase tamén por concellos da Limia. O seu obxectivo é cubrir esta necesidade cultural nas localidades que non contan cunha biblioteca física, outorgando un espazo aberto a toda a veciñanza para facilitarlles o acceso á lectura, á información e á aprendizaxe. Por iso, visitará dúas veces ao mes os concellos cos que colabora.

A "furgoteca" estará mañá de 10:00 a 12:45 horas na Praza do Concello de Castrelo do Val, para moverse ás 12:50 ata Nocedo, ás 13:45, a Pepín, e ás 14:30, a Gondulfes, onde rematará a ruta ás 15:00 horas. A súa seguinte visita terá lugar na tarde do 29 deste mes e fará paradas en Servoi, Monteveloso, Piornedo, Veiga de Nostres, Campobecerros, Fontefría e Vilar.

A seguinte visita da "furgoteca" será en Vilardevós, onde o martes se instalará a biblioteca móbil na Praza do Concello de 10:00 a 13:00 horas. Desde alí, trasladarase Trasigrexa- de 13:15 a 14:00 horas- para logo ir ata Osoño e rematar a xornada ás 15:00 horas. A segunda parada na localidade terá lugar o 21 de marzo e a furgoneta fará paradas por Vilar de Cervos, Vilarello, Arzádegos, Enxames, Terroso, Moialde, Berrande e Soutochao ao longo da tarde.

Oímbra tamén recibirá na vindeira semana á "furgoteca" da Xunta, cunha primeira visita o xoves 9 de marzo. Ese día, a biblioteca móbil permanecerá na Praza do Concello de 10:00 a 15:00 horas para dar a coñecer os seus servizos á veciñanza. O 20 volverá para facer unha ruta de tarde por Vidiferre, Espiño, Bousés, Casa dos Montes, A Granxa, As Chas, San Cibrao, Rabal e O Rosal.

Os usuarios deste servizo poderán acceder a préstamos de libros, revistas e outros materiais, así como recibir asesoramento e recomendacións de lecturaxestionar carnés de usuarios, formación, acompañamento e resolución de dúbidas no eido dixital e organización de actividades culturais, como obradoiros, clubs de lectura ou contacontos, entre outros.

As persoas que sexan titulares dun carné da Rede de Bibliotecas de Galicia terán acceso a este servizo. Para aqueles que non conten con el, dispoñen da posibilidade de conseguilo na propia "furgoteca" ou de xeito telemático a través desta ligazón.

A través do préstamo, ofrécese a oportunidade de ler ou consultar, durante un tempo determinado e de forma gratuíta, todos os materiais da biblioteca. Dispón dunha ampla e variada colección de libros, de todos os xéneros literarios, informativos e de consulta e aqueles adaptados a persoas con diferentes necesidades lectoras. Ademais, ten cine, videoxogos, prensa diaria, revistas e tamén dispositivos electrónicos, como tabletas, consolas e lectores de libro electrónico, para facilitar o acceso aos contidos dixitais.

O 10 de marzo moverase ata A Gudiña, mentres que o 16 chegará a Laza e o 18 a Cualedro. O calendario completo pódese consultar na web da "furgoteca" aquí.

NOTICIAS VERÍN | Castrelo do Val, Vilardevós e Oímbra, primeiras paradas da "furgoteca"...