viernes. 17.07.2026
Eva Barrio, Eva Gamote ou Ana Villarino adican sentidas verbas ao compañeiro falecido

OBITUARIO | "Un exemplo de honestidade, proximidade e compromiso": a comarca chora a Vicente Gómez | NOTICIAS VERÍN

Vicente Gómez, coa rexedora do Riós, Eva Barrio López.
Vicente Gómez, coa rexedora do Riós, Eva Barrio López.

O falecemento do alcalde de Castrelo do Val, Vicente Gómez García, xerou unha profunda ola de consternación e emotivas homenaxes en toda a comarca de Monterrei e na política provincial. Diversas representantes públicas e colaboradoras estreitas quixeron plasmar de forma literal os seus testemuños para glosar a figura, os valores e o legado dun rexedor que dedicou máis de dúas décadas ao servizo municipal.

Eva María Pérez Gamote, á esquerda de Vicente Gómez, nunha das concentracións pola perda dos servizos do AVE na Gudiña.
Eva María Pérez Gamote, á esquerda de Vicente Gómez, nunha das concentracións pola perda dos servizos do AVE na Gudiña.

Testemuño de Eva Pérez Gamote, exalcaldesa de Vilardevós e deputada provincial polo PSdeG:

"Hoxe non só despedimos a un alcalde. Hoxe perdemos a un compañeiro e, sobre todo, perdemos a un amigo.

Vicente Gómez dedicou 21 anos da súa vida a estar á fronte do Concello de Castrelo do Val. Vinte e un anos de compromiso coa súa xente, coa súa terra e cunha forma de entender a política baseada na proximidade, na humildade e no servizo aos demais.

Foi alcalde ata o final dos seus días, mantendo o seu compromiso coa súa veciñanza mentres libraba, ao mesmo tempo, a súa propia batalla contra a enfermidade. Así era Vicente, humilde, próximo, traballador e sempre preocupado polos seus.

Vilardevós e Castrelo do Val son dous concellos irmandados por algo máis que a proximidade. Son concellos unidos por unha historia compartida, por unha amizade construída ao longo dos anos e, especialmente, por persoas como Raúl, Vicente e Chelis. Tres referentes socialistas que representan uns valores intachables de compromiso, lealdade, humildade e vocación de servizo público.

Persoas que nos ensinaron que a política municipal se fai estando preto da xente, coñecendo os seus problemas e traballando cada día polo lugar ao que pertencemos.

Para min foi unha honra compartir contigo parte deste camiño, Vicente. Compartín momentos, preocupacións, conversas e esa defensa común dos nosos concellos, da nosa comarca e do rural que tanto querías.

Hoxe queda un baleiro difícil de explicar. Porque perdemos un alcalde que foi referente durante máis de dúas décadas, perdemos un gran servidor público e un gran compañeiro socialista, pero os que tivemos a sorte de coñecerte sabemos que, por riba de todo, perdemos a un amigo.

Quédanos o teu exemplo, a túa humanidade e a pegada que deixaches en todos nós e, especialmente, na veciñanza de Castrelo do Val, á que dedicaches tantos anos da túa vida ata o último momento.

Todo o meu cariño para a túa familia, para os teus seres queridos e para toda a túa xente.

Descansa en paz, Vicente, compañeiro e amigo.

Foi unha honra camiñar ao teu lado. O teu exemplo e os teus valores permanecerán sempre con nós."

Testemuño de Eva Barrio, alcaldesa do Concello do Riós:

"Hoxe marchou Vicente.

Hai persoas que pasan pola vida deixando unha fonda pegada nos demais. Para min, Vicente foi unha delas.

Cando cheguei á Alcaldía, foi unha das persoas que máis me axudou. Nunca esquecerei a súa man tendida, os seus consellos e a súa confianza. Sempre lle estarei agradecida.

Era un home elegante nas formas, tranquilo, cunha enorme lucidez para entender a vida e a política municipal. Traballador incansable, loitador ata o último euro para o seu Concello.

Tiña ese humor de pillabán que o facía único, era recto no seu comportamento, afable, cordial e un namorado da súa familia.

Eu queríao. E non teño reparo en dicir que, moitas veces, pensei que me gustaría chegar a ser tan boa alcaldesa como o foi el. Porque Vicente representaba esa forma de facer política desde a cercanía, a honestidade e o compromiso. Foi un exemplo para todos nós.

Á súa familia quero enviarlles toda a miña forza e todo o meu cariño nestes momentos tan duros. Oxalá atopen consolo sabendo que a súa maneira de ser, os seus valores e o seu exemplo seguirán vivos en todas as persoas que tivemos a fortuna de coñecelo.

Adeus, amigo.

Que a terra che sexa leve."

Ana María Villarino Pardo, alcaldesa de Oímbra, con Vicente Gómez, nunha das feiras do Pemento.
Ana María Villarino Pardo, alcaldesa de Oímbra, con Vicente Gómez, nunha das feiras do Pemento.

Na mesma liña, se pronunciaba tamén a rexedora do Concello de Oímbra, a popular Ana María Villarino Pardo. A rexedora olimbriguense destacou a súa capacidade para o diálogo, aínda que as conviccións políticas fosen de cor distinta: "Era un home aberto co que sempre atopei puntos de encontro. Compartín con el moitas conversas sobre a maneira de xestionar os servizos públicos e nos que sempre tiñamos un punto de vista moi próximo, que non era outro que o da entrega á cidadanía", sinalaba Villarino Pardo. 

Mostras de pesar chegaron tamén dende outros estamentos públicos, como o Concello de Verín, a propia dirección provincial do PSdeG en Ourense, ou mesmo o Partido Popular de Verín. Todos quixeron sumarse á dor da familia polo pasamento dun referente no servizo público máis próximo, finado este xoves 16 de xullo logo dunha longa loita contra a enfermidade. 

OBITUARIO | "Un exemplo de honestidade, proximidade e compromiso": a comarca chora a...