
O Concello de Oímbra, o primeiro no que se rexistrou un caso que precisou de hospitalización, comenzará o reparto de máscaras por todos os núcleos de poboación do municipio o vindeiro venres. Así o confirmou a súa alcaldesa, Ana María Villarino, quen está disposta a ir, "casa por casa por todas as aldeas facendo entrega do material de protección e tamén para coñecer como se atopa a xente, saber de primeira man como lles está afectado e que podemos facer para que lles sexa máis levadeiro este confinamento dende o concello", asegurou Villarino Pardo.
O Concello de Oímbra levou a cabo a desinfección de todas as rúas e de todas as vivendas das súas aldeas.
Serán arredor de 2.000 máscaras protectoras as que se repartan, algunhas doadas pola Xunta de Galicia e outras adquiridas con fondos das arcas municipais. O reparto farase coincidir co remate das tarefas de desinfección, tanto co camión que enviou a Deputación de Ourense para baldear as rúas de todas as aldeas de Oímbra e mesmo da propia capitalidade municipal, como con aquelas que se desenrolaron casa por casa e de xeito individual con operarios municipais e empresas especializadas en desinfección.
En Castrelo do Val comezaron xa co reparto
O Concello de Castrelo do Val anunciou este mércores que prepara tamén o reparto de 2.000 máscaras cirúrxicas adquiridas con recursos propios para facérllelas chegar a todos os habitantes censados no municipio. Cada veciño ou veciña recibirá nestes vindeiros días 2 máscaras de uso individual para garantir a súa protección todas as veces que teñan que saír dos seus domicilios por cuestións de primeira necesidade. O alcalde da localidade, Vicente Gómez, xustificou "esta medida ante a escaseza de material de protección nas farmacias e no mercado en xeral. Queremos asegurar que a veciñanza conta con máscaras para poder saír a comprar comida ou medicamentos ou acudir aos seus centros de traballo, se for o caso".
Esta medida súmase a algunhas xa tomadas desde a declaración do estado de alarma pola pandemia do COVID-19, tales como a impresión de material escolar, o reparto de libros escolares entre o alumnado do CEIP de Castrelo do Val ou o reparto de medicamentos a persoas en risco.