viernes. 26.04.2024
021221 Visita Concello de Castrelo do Val 3-min
Gabriel Alén visita as obras da rúa Poulón de Castrelo do Val.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o alcalde de Castrelo do Val, Vicente Gómez, visitaron as obras de urbanización da rúa Poulón da localidade, que avanzan a "bo ritmo", segundo confirmou o rexedor. "Xa está executada nun 50% e temos de prazo ata xuño do 2022 para rematar, aínda que non imos esperar tanto", engadiu.

A actuación consiste na ampliación do ancho da rúa nunha lonxitude de 387 metros para acadar unha zona segura para o paseo dos veciños. O pavimento será de formigón na zona peonil e dobre rega na zona de paso dos vehículos. Este 50% inclúe o muro, o abastecemento,o saneamento e os pluviais, xustificados dentro do prazo establecido, que remataba o pasado 30 de novembro. Queda pendente por tanto, nestes vindeiros seis meses, a execución do pavimentado e a mellora de obra. 

O delegado territorial da Xunta puxo en valor as axudas concedidas na Orde hUrbe na provincia de Ourense este ano que suman un total de 768.567 euros da que se beneficiarán 14 concellos, entre os que están tres da nosa comarca: Oímbra, Cualedro e Castrelo do Val. 

"A tentativa do Goberno galego é a de buscar unhas vilas accesibles e non unhas vilas illadas; imos tentar unhas vilas habitables e non abandonadas, e que os cidadáns, especialmente do rural, poidan seguir vivindo no seu concello e que vivan o seu concello", dixo o delegado. 

A obra no concello de Castrelo do Val enmárcanse dentro do Plan hUrbe, un programa posto en marcha no ano 2010 pola Xunta co fin de apoiar ás entidades locais na execución de todo tipo de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público.

NOTICIAS VERÍN | Executadas nun 50% as obras da rúa Poulón en Castrelo do Val