sábado. 12.10.2024
E3A382A2-1E5A-489C-A733-55FBA23219DE
A fachada principal de Ecoagro. | FOTO: Iván Iglesias

Ecoagro é unha vella coñecida da zona pola súa traxectoria. Tamén polo seu gran almacén en Castrelo do Val que non pasa inadvertido a consecuencia do seu tamaño. "Ocupamos un gran espazo porque as prantas así o requiren. Crecen igual que crecemos nós e cada vez failles falta máis sitio. Temos cinco invernadoiros, e con vistas a construír outro", afirma Lucía Gil, unha das empregadas con máis percorrido na empresa. 

3014AC0D-0C30-4E93-B6AD-6CAAA9877AC8O punto de venda de Ecoagro. | FOTO: Iván Iglesias

Ao cruzar a porta, atopamos o que hai 30 anos comezou como unha pequena cooperativa que se foi adaptando ás necesidades do mercado. Hoxe en día, xa non queda apenas nada dos comezos, excepto a súa especialidade: a pranta hortícola e de tempada. Non obstante, abriron novos horizontes e xa traballan con todo tipo de árbores, prantas, accesorios e ornamentación. "Intentamos que cando algúen entra aquí e compra unha pranta, poida saír con todo o pack completo para o seu coidado", conta Lucía. 

Moi importante para isto último é o seu consello. "Sempre recomendamos prantas que aguanten o noso clima. É moi complicado, temos temperaturas moi extremas e algunhas non se adaptan", engade. "O que máis vendemos son xeranios, cannas, paniculata, verbenas, salvias...temos moitas diferentes", afirma, mentres nomea unha longa e interminable listaxe de variedades que atopamos na zona de venda.

Pero, cruzando máis aló, ábrese un mundo de posibilidades. Topamos de fronte coas prantas de xardín, no exterior, posto que "non precisan tantos coidados". Tamén con exemplares de frutal, debidamente identificados cun "pasaporte". "É importante que estean identificados, para saber a variedade e para que o dono saiba como tratala. É o DNI da árbore", rí. 

4B35298F-C5EA-4869-A1E5-66EE46E819DFO 'pasaporte' de identificación. | FOTO: Iván Iglesias

Perdémonos entre tódalas variedades que poidan imaxinar. O equipo de traballo, formado por 9 persoas, precisa arredor de 3-4 meses para que unha pranta sexa apta para a venda. "Hai quen di que as prantas son moi caras, pero precisamos moito tempo e moita man de obra para que rematen nas súas casas e saian adiante", afirma Lucía. 

Continuamos o tour, mentres nos explican como gran parte dos procesos están mecanizados, como o rego, sendo controlados facilmente dende o teléfono móbil. "Precisamos ter unha homoxeneidade nos procesos para que todas as que se cultivan á vez, crezan á vez", engade.

776944D7-3640-49AD-99BE-0DE2BA5D78C7A zona de árbore frutal. | FOTO: Iván Iglesias

Chegamos á zona de máquinas. Explícannos que a maioría de prantas de tempada chegan xerminadas dende o viveiro de orixe pero, noutros casos, como ocorre con algunhas hortícolas, o proceso é 'made in' Ecoagro. Como se fai? "Temos unhas bandexas con ocos. En cada oco cae unha semente que posteriormente é protexida pola vermeculita. Para gardarlle a humidade e a calor, cubrímos a bandexa con papel film e resérvanse nunha cámara". Uns días máis tarde a semente estará xerminada e será trasladada aos invernadoiros. E así é como nace esa leituga que vostede está utilizando agora mesmo para a ensalada.

3198BBDE-CD64-4F52-A5D6-C52ED3084083A máquina sementadora e, ao fondo, as bandexas onde xerminan as sementes. | FOTO: Iván Iglesias

Poderíamos facer infinito este artigo contándolles, por exemplo, cal é o segredo para identificar cada unha das variedades das que dispoñen a simple vista, ou nomeando toda a listaxe de flores, árbores e prantas que poden atopar. Pero non lles fariamos xustiza con palabras. O seu entorno espectacular, rodeado de natureza, é unha paraxe digna de visitar. Poden perderse polo lugar, ao igual que o fixemos nós, na rúa O Poulón, número 13, de Castrelo do Val. 

NOTICIAS DE EMPRESA | Ecoagro, os mellores especialistas para o coidado do teu xardín