martes. 23.04.2024
Centro de saúde de Castrelo do Val.
Centro de saúde de Castrelo do Val. | FOTO: cedida.

Os veciños de Castrelo do Val temen quedar sen médico. Esa idea é a que lles ronda a cabeza dende onte, cando se anunciou o concurso de traslados no que aparece a praza do seu correspondente centro de saúde cunha denominación conxunta con Verín (Castrelo-Verín), diferente á de tódolos demais. Sospeitan que ese posto médico vaia estar compartido co centro de saúde verinense e, por tanto, se reduzan as horas de servizo no seu. 

O equipo de goberno do concello, representado polo seu alcalde Vicente Gómez, xa está a levar a cabo unha serie de actuacións para evitar estas presuntas medidas. Entre elas, está unha moción para o vindeiro pleno que asegure o mantemento desa praza a xornada completa e, por tanto, evite recortes nos dereitos sanitarios da poboación. "Se o posto pasase a ser compartido, suporía unha clara discriminación cara ao noso concello respecto doutros que, tendo unha entidade similar, conservan a exclusividade da atención médica nos seus centros de saúde", recalca o rexedor. 

A reacción do BNG

A deputada do BNG por Ourense, Noa Presas, iniciou unha serie de actuacións no Parlamento ante a presunta intención do Sergas de reducir a tres horas a atención sanitaria en Castrelo. Están orientadas a que "a atención primaria non mingüe de ningún xeito nun municipio que acusa unha forte dispersión e avellentamento entre a poboación".

A resposta da Área Sanitaria

O rexedor de Castrelo do Val, Vicente Gómez, tratou de buscar explicacións tralo anuncio das prazas e obtivo resposta esta mesma mañá, na que o xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial, lles asegura o mantemento da totalidade da praza exclusivamente para o seu concello.

 

Inquedanza en Castrelo do Val por perder a praza do médico titular