jueves. 25.04.2024
Frasca do Terrón, en Castrelo do Val. Imaxes Concello de Castrelo do Val
Frasca do Terrón, en Castrelo do Val. | FOTOS: Concello de Castrelo do Val.

Outra festa que regresa. Unha festa que viviu só unha edición, a do 2019. E que a pandemia obrigou a cancelar no 2020, e aconsellou non celebrar no 2021. A Frasca do Terrón, en Castrelo do Val, organizada pola asociación cultural Candaira, volve este sábado, 4 de xuño, no parque do Terrón coa pretensión de consolidarse como unha cita ineludíbel na comarca de Monterrei para todas aquelas persoas que adoran a tradición musical galega.

No 2019 houbo feira de artesanía, bar e polbeira e toda a actividade musical se concentrou pola tarde. Na edición deste ano, xa haberá música no parque, ademais da feira, desde o mediodía. Pola mañá actuarán os grupos da asociación de mulleres rurais da comarca e o da asociación organizadora.

Tamén se desenvolverán actividades de sendeirismo e bicicleta na contorna de Castrelo. Haberá un paseo etnográfico e arqueolóxico, e tamén unha proba de BTT pola Ruta das Corgas, de 16 quilómetros. 

Esta ruta en bicicleta de montaña estará guiada por un membro do club BTT Verín. O trazado pasa por Pepín, corga arriba até a Ribeira Pequena en Ribas, continuará cara Vilar e seguirá polos Colmenares de Ribas para regresar a Castrelo seguindo o curso dos ríos.

O xantar no parque está previsto para as dúas da tarde, e despois haberá contacontos a cargo de Fran Guede e un obradoiro de instrumentos dirixido por Ramón López, e a partir das cinco e media e durante unha hora, clases de baile tradicional a cargo de Artur Puga, profesor en varias comarcas ourensáns e que se fixo famoso este ano despois de acompañar como bailarín ás Tanxugueiras na competición por chegar a Eurovisión.

A música tomará todo o protagonismo a partir da media tarde coas actuacións de varios grupos de afeccionados da comarca e, xa a noitiña, dos Pandereiteiros da Agrupación O Fiadeiro. O programa inclúe actividade de pádel para os máis cativos coa colaboración do clube Palavida de Verín.

Cartel da Frasca do Terrón para o 4 de xuño en Castrelo do Val
Cartel da Frasca do Terrón para o 4 de xuño en Castrelo do Val.

NOTICIAS VERÍN | A festa da Frasca do Terrón volve encher de música Castrelo