Nas vindeiras horas chegará ao cemiterio de Castrelo do Val, trasladado dende Madrid, o corpo doutra vítima máis da pandemia producida polo COVID19. Trátase dun home de avanzada idade que pereceu logo de ser contaxiado por coronavirus na capital do Estado. O ancián, de 84 anos e solteiro, vivía coa súa irmá en Madrid e só retornaba a Castrelo do Val na época estival. Segundo puido saber Diario do Támega, o falecido presentaba patoloxías respiratorias previas que xa o obrigaban a permanecer con osíxeno con anterioridade ao inicio do andazo.
Con el serán dúas as persoas soterradas na máis estrita soidade seguindo as recomendacións sanitarias. A primeira vítima do COVID19 soterrada na comarca foi unha muller de 48 anos, con ascendencia en Feilas (Vilardevós), que faleceu nunha residencia madrileña. Os seus restos foron enterrados sen a presencia dos seus familiares máis directos este pasado domingo no cemiterio de localidade de Vilardevós.