"É, probablemente, a intervención máis difícil que fago neste salón de plenos dende que formo parte desta Corporación. Eu creo que hoxe o Concello de Castrelo do Val perde a un gran home e a un gran alcalde que foi deste noso concello. Para os socialistas é, ademais, unha doble perda, xa que con él perdemos tamén a un compañeiro e para moitos a un grande amigo, unha persoa honesta, leal, dialogante e coa que era prácticamente imposible levarse mal, que loitou sempre pola igualdade de todos. En nome de todos os meus compañeiros, quero dicir que é un día doloroso e creo que para todo o Concello e a comarca, especialmente para todos os socialistas, un día que xa nunca esqueceremos".
Son as verbas, emocionadas, de Vicente Gómez, o actual rexedor de Castrelo do Val, no pleno extraordinario desta mesma mañá no que se declararon dous días de loito oficial así como situar as bandeiras a media asta, en respecto e lembranza do que fora o alcalde que o precedeu no cargo e que na tarde de onte finaba logo dunha longa enfermidade, Raúl Fernández Fernández.
Logo desa sesión, todos os membros da Corporación, traballadores e funcionarios da Casa do Concello, gardaron, pouco antes das once de mañá diante da porta da institución municipal, un sentido minuto de silencio.
Os restos mortais do deputado autonómico están sendo velados no tanatorio La Paz, do Polígono de Pazos. Ao longo do día agárdase a visita de representantes e compañeiros tanto do Parlamento autonómico de Galicia como da súa formación política.
O seu funeral terá lugar este sábado, ás catro da tarde, na igrexa parroquial de Castrelo do Val.