É que... a quen non lle gusta un bo caldiño de Monterrei? Como ben di a nova campaña da Denominación de Orixe: non lle deas máis voltas! Se é de Monterrei é bo. E iso deberon pensar o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, cando cataron o viño que lles serviu atentamente Natalia González, técnica de promoción do Consello Regulador.
Así que, hoxe decidimos que a imaxe do día puxera o foco na vitalidade do sector vitivinícola galego, co Salón Vinis Terrae como epicentro, única feira do viño profesional con indicativo de calidade. Preto de 200 viños, licores e augardentes da nosa terra reúnense en Expourense para seducir a clientes de ata 18 países, evidenciando o potencial exportador dos nosos produtos. Entre os protagonistas, as cinco Denominacións de Orixe galegas -Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e tamén a Denominación de Orixe Monterrei- , reafirmando o seu compromiso coa promoción e comercialización.
Esta feira simboliza o esforzo conxunto para levar a calidade diferenciada dos nosos viños máis alá das nosas fronteiras, abrindo novas portas a mercados internacionais. Neste sentido, o director da AGACAL salientou a importancia da celebración de eventos
coma este, a través dos cales se poñen en contacto directo a produtores locais da nosa comunidade con clientes potenciais coa promoción dos seus viños.


