domingo. 19.07.2026

Auga, Viño e Terra

Non lle deas máis voltas! A D.O. Monterrei bríndanos a campaña máis retranqueira

Se es dos ou das que fan malabarismos coa copa de viño, finxindo ser experto mentres o sumiller mira fixamente... A Denominación de Orixe Monterrei vén de estrear a súa nova campaña publicitaria, e prometemos que che fará rir a gargalladas. O lema, que xa se está a converter no noso mantra persoal: "Non lle deas máis voltas".

 

A idea é sinxela pero brillante, e con ese toque de humor que só unha D.O. tan cool como Monterrei pode permitirse. Queren que saibamos que os seus viños son de máxima calidade, aptos para calquera padal, desde o máis experimentado ata a que non distingue un tinto dun branco sen mirar a botella. Unha campaña que é pura diversión e retranca.

 

A D.O. Monterrei montou uns spots que son a vida mesma. Ese momento incómodo no que o sumiller serve o viño e espera que fagas unha valoración profunda... mentres ti só pensas en que está bo, pero non sabes como explicalo. Pois ben, os spots de Monterrei esaxeran esa situación á perfección: o cliente dálle voltas e voltas á copa, e o sumiller, coa paciencia dun santo, agarda.

 

A solución? O "Non lle deas máis voltas", acompañado do lema que xa é unha declaración de principios: "No reino dos viños, Monterrei é o rei". É dicir, se o viño é de Monterrei, xa podes deixar de darlle voltas, porque está bo si ou si. É a forma máis directa e divertida de dicirche que non necesitas ser un gurú do viño para gozar dun bo caldiño.

Comentarios
Non lle deas máis voltas! A D.O. Monterrei bríndanos a campaña máis retranqueira