
Os organizadores do festival internacional de curtas de Verín, FIC Vía XIV, seguen debullando parte do programa que ofrecerán o vindeiro mes de decembro na súa xa cuarta edición.
Hoxe, e no marco da axenda de actividades paralelas que acolle o FIC Vía XIV, deron a coñecer unha que se desenvolverá este ano por primeira vez e que leva por nome As dúas caras do Sahara Occidental, que ten como misión amosar, dende a cinematografía, unha realidade en conflito (a vida dentro e fóra dos campos de refuxiados nesta zona) a través de diversos puntos de vista.
Xa o ano pasado, no FIC Vía XIV levouse a cabo unha actividade cinematográfica que amosou o conflito palestino-israelí dende diversos ángulos e a través do cinema. Deste xeito, As dúas caras do Sahara Occidental da continuidade a esta pretensión do Festival de Curtas de Verín de erixirse coma "espazo de diálogo e punto de encontro a través do cinema", segundo destaca o seu director, Carlos Montero.
Cremos relevante traer ata Verín, no marco do festival, diferentes realidades políticas que é preciso dar a coñecer, especialmente nestes tempos convulsos que vivimos, marcados pola inestabilidade política e económica
"Cremos relevante traer ata Verín, no marco do festival, diferentes realidades políticas que é preciso dar a coñecer, especialmente nestes tempos convulsos que vivimos, marcados pola inestabilidade política e económica", engade Montero.
A actividade divídese en dúas sesións. Na primeira exhibirase a longametraxe "Hamada", de Eloy Domínguez, presentada polo propio director e cun coloquio posterior ao visionado. Na segunda das sesións, amosaranse as curtas "L´Aarifa" de Mohamed Salem Lansari, Braham Chagaf e Digya Mohamed-Salm e "Tres cámaras roubadas", un proxecto colectivo de Equipe Media.
ALLARIZ, PRESENTE
O director do FIC Vía XIV de Verín tamén confirmou que o festival convidado na edición deste ano será o RIR (Festival Internacional de Curtas de Comedia de Allariz). Este certame vén de celebrar neste 2019 a súa segunda edición. Así, no marco desta actividade, en Verín poderán verse algunhas das curtas premiadas en Allariz.