Xoves. 28.03.2024
Foto INCENDIOS+1

A Sala de Exposicións de Verín conta dende o pasado 25 de marzo e ata o 25 de abril coa mostra Incendios+1. Esta exhibición, creada polo Centro Público Integrado Curros Enríquez de Pazos de Borbén, poderá visitarse de luns a venres, das 16:30 h ás 20:00 h.

A exposición, promovida por este centro e os seus alumnos, trata o problema crónico que vive Galicia cos incendios, tentando sensibilizar á poboación. Para isto, os seus creadores tomaron como referencia a Arte Povera, usando materiais de refugallo, centrándose na beleza das formas e nos materiais cos que se realizan obxectos sinxelos e no contraste entre os elementos da natureza e os creados polo home. 

Despois dos incendios que afectaron ás proximidades de Vigo en outubro de 2017, os departamentos de Debuxo, Tecnoloxía e Valores Éticos do C.P.I Curros Enrique de Pazos de Borbén, municipio pontevedrés da Área Metropolitana de Vigo, decidiron promover esta tarefa cos seus alumnos.

Deste xeito, o Departamento de Debuxo promove, para expresar sensacións, que se debuxen as pezas que se atopen queimadas no monte e elementos fabricados polo home e útiles que non deberían estar tirados nese espazo natural. Posteriormente, eses obxectos recupéranse e dáselle de novo valor material, artístico e simbólico. Co apoio do departamento de Tecnoloxía, estudan a composición dos materiais, o seu comportamento co lume e métodos para recuperar o seu uso, e límpase a metade de cada peza. En Valores Éticos montan, con taboleiros de virutas, as peañas sobre as que se expoñen os obxectos recuperados.
 

A exposición Incendios+1 estará dispoñible ata o 25 de abril en Verín