
A Mezquita inaugura unha nova forma de facer O Camiño desde a entrada da Vía da Prata no país até Compostela. Un Camiño por etapas. En cómodos prazos. Durante 10 meses e só nos meses menos fríos. Con tempo. Un Camiño para todas as idades. A iniciativa, que conta co selo do Xacobeo e o patrocinio dos concellos da Mezquita e da Gudiña, arranca o próximo 26 de xuño, domingo, cunha etapa de 10 quilómetros entre A Canda e A Gudiña. Para particpar é preciso inscribirse, e pagar unha cota de 10 euros por cada unha das etapas que se realicen.
Estas son as etapas (e as datas):
- A Canda-A Gudiña (26 de xuño)
- A Gudiña-Campobecerros (4 de setembro)
- Campobecerros-Laza (18 de setembro)
- Laz-Vilar de Barrio (21 de setembro)
- Xunqueira-Ourense (10 de outubro)
- Ourense-Cea (5 de marzo, 2023)
- Cea-Dozón (20 de marzo)
- Dozón-Lalín (10 de abril)
- Lalín-Bandeira (30 de abril)
- Monte do Gozo-Santiago (14 de maio).
Este é O Camiño por etapas dende As Portas de Galicia, unha iniciativa na que participan a Asociación de Mulleres Rurais Xestas e Toxos da Gudiña e a Asociación Cultural Os Tres Reinos da Mezquita.
As etapas máis longas serán a segunda (A Gudiña-Campobecerros) en setembro e a penúltima (Lalín-Bandeira) en abril do próximo ano, cun percorrido de 23 quilómetros. A primeira e a última serán as máis curtas. Haberá sete etapas por riba dos 20 quilómetros.
O Camiño por etapas dende As Portas de Galicia nace para potenciar a Vía da Prata. Unha ruta que desde a súa entrada en Galicia pasa por localidades como O Pereiro, Porto Camba, A Alberguería, Xunqueira de Ambía, Tamallancos, Pontenoufe, Silleda ou Rubial antes de alcanzar Compostela. Esta ruta prolonga a calzada romana que unía Emerita Augusta (Mérida) con Asturica Augusta (Astorga). O trazado por Laza atravesa 14 concellos ourensáns.