luns 12/04/21
Búscase solucionar e visibilizar este problema

Os veciños do Seixo e da Veiga mobilízanse para poder ter cobertura telefónica

BNG. NO SEIXO
Reunión do BNG cos veciños do Seixo.

A voceira do BNG da Gudiña, Raquel Fernández, visitou o pobo do Seixo, para falar cos residentes sobre a ausencia dunha antena de telefonía.

Isto supón un problema para os habitantes desta aldea, xa que teñen que sair das súas casas e buscar sinal en puntos concretos a moitos metros de distancia. Un dos veciños tomou a inicitaiva e presentou unha solicitude para un poste de cobertura colectiva para o Seixo (concello de Gudiña) e a Veiga do Seixo (concello de Riós), que finalmente foi aprobada.

Estas obras foran adxudicadas a unha empresa de telecomunicacións en marzo deste ano, pero a día de hoxe, e a pesar de que os técnicos da Xunta certificaron que no lugar non había cobertura, a instalación do poste está parada; debido a que os alcaldes de Riós e da Gudiña informaron ós residentes de que segundo a entidade Telefónica estes pobos non son puntos escuros e teñen cobertura. 

Dada esta situación, os rexentes de ambos lugares tiñan en mente organizar unha concentración que axudase a visibilizar o malestar dos seus habitantes, xa que tanto eles como o BNG consideran que hai que buscar solucións reais para un problema grave como é este, no que se lle nega ós veciños o dereito a comunicarse de maneira digna, en calquera momento e sen ter que desprazarse ata camiños e lumbeiros para realizar un servizo esencial como é o de facer unha chamada telefónica.

Os veciños do Seixo e da Veiga mobilízanse para poder ter cobertura telefónica
comentarios