sábado. 27.04.2024
xosé luís bouzas
O mestre de Flariz, Xose Luís Bouzas.

A asociación cultural Os Torgueiros da Gudiña rinde homenaxe a Xose Luís Bouzas, o mestre de Flariz, e a Anunciación Casado, a Pasionaria de Viana, asasinados polos fascistas no 1936. Durante ista fin de semana terá lugar a primeira edición das "Xornadas pola memoria: xustiza e reparación" na Casa da Viúva cunha ampla programación.

O mestre de Flariz, Xose Luís Bouzas, foi asasinado na Poula do Martiño, en Pentes, polos fascistas da comarca de Monterrei logo de sacalo da súa aula e queimalo vivo o 1 de setembro do 1936. Natural de Allariz e alumno avantaxado de Vicente Risco, con só 30 anos era o secretario do Partido Galeguista de Monterrei.

a pasionaria de viana, tumba (FILEminimizer)
Tumba da Pasionaria de Viana, Anunciación Casado Atanes.

Anunciación Casado, a Pasionaria de Viana, nacera en Cualedro e emigrou a Euskadi, onde ficou viúva. Voltou á Galiza para vivir en San Mamede, Viana do Bolo, como labrega. Gran loitadora polos dereitos dos labregos e dos obreiros dos camiños de ferro da Gudiña, era a responsable do Partido Comunista naquelas terras e foi perseguida, mallada, violada, asasinada e paseada nun carro polos falanxistas de Verín o 21 de agosto do 1936.

Dende a asociación Os Torgueiros organizan as Xornadas pola Memoria, que se celebrarán baixo o lema “Xustiza e Reparación”, co fin de dar a coñecer a etapa máis escura da historia da bisbarra, dándolle voz ás persoas que foron humilladas e asasinadas polo fascismo nunha comarca que foi das máis reprimidas na Galiza. Unhas xornadas en clave local que son unha homenaxe global a todas as persoas que deron a súa vida durante a Guerra Civil e a súa posterior represión.

Programación

As homenaxes ós represaliados polo fascismo contarán coa presenza de destacados investigadores da historia de Galicia como Dionisio Pereira, historiador, e Xosé Rodríguez Cruz, etnógrafo gudiñés, encargados de iniciar as xornadas cunha palestra sobre a primixenia guerrilla antifranquista na raia das Frieiras e Tras-Os-Montes, terras que acolleron unha teimuda resistencia armada contra o fascismo. Será o sábado 19 ás 18h. na Casa da Viúva da Gudiña.

Pouco despois, Xosé Lois Santiago fará unha crónica sobre os derradeiros días da República na Gudiña, relatando os feitos históricos acontecidos dende o 17 ó 24 de xullo do 1936. Na actualidade, Xosé Lois Santiago é investigador e coordinador do proxecto "Exhumación de represaliados portugueses en Portocamba e Campobecerros". Proxecto no que tamén traballa o arqueólogo Xurxo Ayán, encargado de presentar os resultados das investigacións sobre a represión en Campobecerros e Castrelo do Val.

Xa a partir das 20 horas, terá lugar un evento de música ao vivo coas actuacións de Columna Vegana e do Leo de Matamá na terraza da Casa da Viúva. Mentras, o domingo será o día dedicado ás homenaxes; a partir das 12:30h no cemiterio de Pentes terá lugar unha ofrenda floral ó mestre de Flariz, Xosé Luís Bouzas, continuando no cemiterio do Castro, en Viana do Bolo, onde se atopa o corpo de Anunciación Casado Atanes, a Pasionaria de Viana. A xornada rematará cun xantar de confraternización.

NOTICIAS VERÍN | Homenaxe ó mestre de Flariz e á Pasionaria de Viana, asasinados polos...