OBITUARIO | Francisco José Fraga Civeira
Cando penso que te fuches, así; sen despedirte, non sabías ben a putada que nos facías.
Raúl, pero que necesidade había de privarnos da túa presenza!
Ti? Que nunca tiñas présa! Que nos regalabas o teu tempo, e digo teu porque así era, non se fabricara reloxo que o medise, non se precisaba, ti regalábasnolo como querías.
Ti que eras sempre o último en irte, a que veu isto? así de repente, con tantas conversas sen rematar.
Cando penso que te fuches, pregúntome: e agora, que? De quen seguirei aprendendo? Onde buscarei unha guía? Onte atoparei alguén que predique co exemplo como facías ti? Quen impartirá un maxisterio coma o teu?
Sen necesidade de levantares a voz, en moitas ocasións nin de abrires a boca. Abondaba con fixarse no teu bo facer; esa tranquilidade, ese sosego, esa seguridade que sempre infundías, ese encaixe tan teu para aturares a tanto desalmado como hai na política, ese sorriso sempre nos beizos como única resposta a tanta infamia que che tocou coñecer:
Que maneira, a túa, de sortear a tanto cinismo e hipocrisía. Que ben coñecías a condición humana, pese a non camiñares polo lado escuro da lúa dos teus admirados Pink Floyd.
O teu comportamento, ese espello no que todos tiñamos que reflectirnos.
Cando penso que te fuches, Raúl, rebélome e digo que non. Que non é certo. E non o é, porque sempre vivirás en nós, serás sempre un morto cheo de vida nun mundo cheo de mortos en vida.
Cando penso que te fuches, penso que non te fuches. Que estás aquí, entre nós. Que estarás sempre. Quero seguir escoitándote, coma tantas noites cando sacabas ó can a paseo ou a botar un pito e de paso devolvías as chamadas, e falabamos ata as tantas, sen tempo, sen medida: da política, das xentes, dos proxectos, das vidas.
A igrexa de Castrelo do Val quedouse pequena para acoller aos amigos que quixeron despedir a Raúl Fernández.
Cantas verbas Raúl, quedaron gravadas en min! Cantas historias que non quero que teñan fin!
Cando penso que te fuches, Raúl, rebélome e digo que non. Que non é certo. E non o é, porque sempre vivirás en nós, serás sempre un morto cheo de vida nun mundo cheo de mortos en vida.