Venres. 29.03.2024
A pasada semana, Vilardevós xa se viu afectada por un lume en Osoño. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
A pasada semana, Vilardevós xa se viu afectada por un lume en Osoño. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Manuel González Lorenzo, veciño de Vilar de Cervos (Vilardevós), puxo de manifesto neste medio os incumprimentos da Seaga na limpeza das fincas nesta parroquia de alta actividade incendiaria, tarefa que lle asignou a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Ante esta testemuña, o PSdeG PSOE de Vilardevós criticou o posicionamento do alcalde, Manuel Cardoso, acusándoo de "pór en risco ó municipio coa súa xestión nefasta e neglixente".

 

Os socialistas cúlpano de non esixir á Xunta que se cumpra co pactado, xa que os veciños pagaron á Seaga pola limpeza dunhas fincas no 2021 e non se chegaron a desbrozar. O Concello actuou para tentar presionar á empresa a cumprir co contratado: "Hai seis ou sete meses que os estamos chamando á empresa para que limpe porque no lo pediron algúns veciños, pero non hai forma. Só nos dan largas", sianala Cardoso.

O alcalde de Vilardevós recorda que o Concello non ten ningunha responsabilidade nestes retrasos, xa que é un tema entre o dono da finca coa Seaga, quen á súa vez foi designada pola Xunta e a Fegamp para facer os traballos de roza en zonas de alta actividade incendiaria. "Mediamos nisto polos veciños e a resposta de Seaga foi que rozarían este ano polo diñeiro pagado no 2021, pero non queremos que isto empece a ser así sempre. O que teñen que facer é limpar todos os anos", resalta o rexedor.

 

Julio Prada Hohenstein, portavoz socialista en Vilardevós, sinalou "a falta de capacidade do rexedor do noso municipio para previr e loitar contra posibles lumes" xa que detrás dos terreos sen desbrozar hai unha responsabilidade por parte da Xunta. "O alcalde é incapaz de xestionar o Concello e non lle fan caso nin as administracións da súa propia cor política, o que demostra a falta total de interese por dotar ao municipio dos medios necesarios para loitar contra o lume”, critica o socialista.

Ante esta acusación, Cardoso só afirma que o Concello "non é quen de obrigar á Seaga a limpar porque non somos os que firmamos o convenio con eles", sinalando á Xunta e á Fegamp que son os que asignaron a tarefa a estas empresa. O alcalde tamén lle recorda ós socialistas que detrás da Fegamp está o PSOE e eles tamén teñen a súa parte de responsabilidade.

O PSOE de Vilardevós critica os retrasos de Seaga nas rozas acusando ó Concello