domingo. 19.07.2026
Compensacións para quen colaborou e recollida de datos de danos para xestionar axudas

Os Concellos de Vilardevós e A Mezquita mobilízanse para axudar a veciñanza afectada polos lumes

20250815 IFVilardecervosVilardevós, Incendio Vilardevós, Veiga das Meás, preto Pozo do Demo (3)
Tractores e cisternas da veciñanza foron utilizados para controlar as lapas na Veiga das Meás. | FOTO: Noelia Caseiro.

Os gobernos locais de Vilardevós e A Mezquita xa están a tomar medidas concretas para avaliar e mitigar os danos ocasionados polos recentes incendios forestais que asolaron as súas terras. Ambas as dúas administracións centran os seus esforzos en compensar e apoiar a veciñanza, tanto a quen axudou a loitar contra o lume como a quen sufriron perdas materiais.

Vilardevós, apoio directo á solidariedade veciñal

O Concello de Vilardevós contactou con todas as persoas que de forma altruísta puxeron a súa maquinaria (tractores, cisternas, etc.) á disposición das tarefas de loita contra o lume. O obxectivo desta iniciativa non é retribuír o traballo, senón sufragar os gastos derivados do uso da maquinaria, como o combustible ou as posibles avarías. A administración local valorou profundamente o xesto solidario e voluntario da veciñanza, pero entendeu que, ademais do esforzo humano, houbo un custo económico que o Concello quere cubrir para aliviar a carga dos seus cidadáns. A súa alcaldesa, Eva Pérez Gamote, subliñaba que "no caso de que alguén que colaborara non recibise aínda a chamada, rogamos que se poña en contacto co Concello ou conmigo" para poder tramitar a compensación correspondente.

A Mezquita, avaliación de danos para solicitar axudas

Pola súa banda, o Concello da Mezquita está a traballar na avaliación dos danos para solicitar axudas ás administracións superiores. Co obxectivo de ter unha valoración completa das perdas sufridas nas propiedades e enseres da veciñanza, o goberno local puxo a disposición dos afectados uns impresos nas Oficinas Municipais.

20250812 Incendio A Mezquita, IFAEsculqueiraAMezquita, lume, a esculqueira (24)
A Mezquita sufriu graves danos polo lume que se iniciou na Esculqueira. | FOTO: Noelia Caseiro.

Nestes documentos, os veciños poden informar detalladamente sobre os danos en soutos, rolos de palla, peches de fincas, castiñeiros, maquinaria e outros materiais perdidos. O prazo para a presentación desta valoración é ata o vindeiro 28 de agosto de 2025. Esta información é crucial para que o Concello poida xustificar as solicitudes de axudas e garantir que a veciñanza reciba o apoio necesario para recuperar o perdido.

Os Concellos de Vilardevós e A Mezquita mobilízanse para axudar a veciñanza afectada...