viernes. 26.04.2024
Gustavo Rey, o mellor tirador de cervexa de España, estará na Zona Roombo do FIC este xoves. | FOTO: EFE.
Gustavo Rey, o mellor tirador de cervexa de España, estará na Zona Roombo do FIC este xoves. | FOTO: EFE.

A maior novidade do Festival Internacional de Curtas Vía XIV de Verín é a Zona Roombo, onde haberá numerosas actividades paralelas ó evento no que se mesturará música, gastronomía, encontros profesionais e espontaneidade cultural. "Queremos recuperar o camiño de converter o certame nun gran colector cultural", destaca Carlos Montero, director do festival. A Zona Roombo atoparase no exterior do Auditorio de Verín para tentar ampliar as fronteiras do público máis alá do cine.

Na parte gastronómica, albergará actividades de cata e degustación tanto de cervexas como de viño da D. O. Monterrei. Neste ámbito destaca Hop & Roll, que terá lugar o xoves ás 22:00 horas, no que estará o mellor tirador de cervexa de España, Gustavo Rey,  acompañado do compañeiro Óscar Piñeiro. Os asistentes catarán e valorarán as bebidas máis descoñecidas do panorama cervexeiro actual. "Levaremos distintas variedades de cervexas para degustar das menos intensas ás que o son máis", explica Rey.

As cervexas, que serán tiradas por Rey e por Piñeiro, virán acompañadas por produtos da terra convertidos en ricos pinchos que farán unha maridaxe perfecta. "Ainda non temos decidido o que levaremos. Nos últimos eventos temos levado queixos e ata navallas, pero debemos miralo ben", comenta o tirador. A el veráselle en acción, amosando a razón de que sexa o mellor tirador de España: "O segredo é tirar un millón de cañas e poñer algo de interés, porque hai moita desinformación", engade.

A música terá un oco nesta actividade da Zono Roombo xa que entre cada cata poderase escoitar a música de grupos galegos en vinilo. "Con isto dámoslle movemento ao ponaroma musical de Galicia, empregando vinilos con temas que evoquen sensacións similares ás que provoca a cervexa que esté degustando o público. Vai ser unha cata sensorial na que todos os sentidos estarán activos", conta Rey. Para participar precísase dunha  inscrición previa na web do FIC e unha achega solidaria de 12 euros.

 

Antes desa cita, a Zona Roombo terá mañá un podcast especial de “Irmandades da Cuadra” ás 21:00 horas. O xa coñecido equipo de reporteiros locais entrevistará a persoas vinculadas ao festival cun ton de retranca que divertirá ao público. Ademais, esta actividade contará con varias actuacións en directo.

A música volverá o venres para os amantes da música electrónica cunha actuación da man do Colectivo Salitre ás 23:00 horas. O sábado será unha xornada que comezará cunha sesión vermú da man da Banda de Garda, na que se poderán ver Vespas, Lambrettas e outras motos clásicas que se darán cita ás 13:00 horas. Pola noite, o grupo de rock psicodélico dos portugueses Jesus the Snake actuará nun concerto ás 00:00 horas, despois do paso de En Mala Hora ás 22:30 horas.

 

Con todas estas actividades, Roombo aterriza no FIC para potenciar a cultura. Esta empresa, que naceu en Verín no 2020, adícase ao reparto a domicilio a través dunha aplicación na que xa están adheridos máis de 200 restaurantes de España e Portugal, sumando unha cifra superior ós 20.000 usuarios.

Os seus esforzos non quedan só aí e por iso se implican no crecemento da vila colaborando en eventos culturais e deportivos. “Apoiar un evento coma o FIC Vía XIV significa para nós apoiar ao colectivo profesional da vila, sumando forzas para crear un tecido profesional entorno ao mundo cultural e audiovisual”, destaca José Antonio Quintas, xerente e fundador de Roombo.

NOTICIAS VERÍN | O espazo da Zona Roombo mesturará no FIC gastronomía e música